
Un centenar de nenas e nenos de entre dez e catorce anos participan esta semana na estación invernal de Leitariegos na cuarta expedición á neve da Campaña de Esquí 2017, organizada pola área de Deportes da Deputación da Coruña.
Os nenos e nenas participantes proceden dos concellos de Ames, Arzúa, A Baña, Boimorto, Boqueixón, Cerceda, Frades, Mesía, Negreira, Ordes, Oroso, O Pino, Rois, Santiago, Teo, Tordoia, Touro, Trazo, Val Do Dubra e Vedra.
Ata mañá, os escolares destes vinte concellos da área compostelana terán a oportunidade de iniciarse ou perfeccionar a práctica do esquí con monitores profesionais e participar en numerosas actividades deportivas e culturais que se organizan de xeito complementario.
O deputado responsable de Deportes da institución provincial coruñesa, José García Liñares, subliñou a "gran aceptación" coa que conta cada ano este programa, que ata finais de marzo achegará a práctica do esquí a un total de cincocentos rapaces dos 93 concellos coruñeses.
A estación de Leitariegos, ubícase na comarca de Laciana, ao noroeste da provincia de León. Trátase dunha excepcional paraxe natural reserva da Biosfera que limita co Principado de Asturias e que conta con dez pistas balizadas de distintos niveis (cinco vermellas, catro azuis e unha verde) e un snowpark, así como unha escola na que ofrecen clases de esquí e snowboard.










