
Os deportistas galegos acadaron un total de nove medallas (dous ouros, tres pratas e catro bronces) no Campionato de España Cadete que se celebrou en La Nucía (Alacante). Por equipos, Galicia foi prata na categoría feminina e terceira na xeral, mentres que na masculina ocupou a cuarta posición.
O torneo cadete (para deportistas nados en 2003, 04 e 05) contaba coa participación de 600 deportistas o que provocou que as e os deportistas tiveron que disputar ata seis combates en algunhas categorías.
Os ouros foron para Anxo Díaz (-53, Garrapucho) e Ainhoa García (-51, Couto). O camiño cara ao ouro para Anxo foi moi duro xa que o coruñés tivo que disputar e vencer seis combates. Comezou a competición contra Joao Domínguez, ao que superou ampliamente para rematar na final ante Oier Ortiz, onde se impuxo con comodidade. O combate máis complicado foi en semifinais contra o representante de Cataluña, que foi onde tivo máis dificultades para vencer.
Pola súa banda, Ainhoa García superou na final a Alicia Rodríguez (Han Kuk), nun combate que comezou perdendo (4-0), pero a galega non perdeu a confianza e así logrou remontar para finalizar cun triunfo claro. Alicia Rodríguez en semifinais eliminará á galega Uxía Sanmarco. Ainhoa disputou un total de cinco combates.
As pratas foron para Carla Diéguez (-29, Boudsport), Lucía de la Iglesia (-37, ManiotasNoia) e Diana Siota (-47, Couto). Ademais houbo catro bronces galegos. Manuel Castro (-33, Boudsport), René Costas (-61, Hebe), Uxía Sanmarco (-51, Tao) e María Ferreiro, (-37, Couto).










