
A vixésimo primeira edición do Rali de A Coruña disputarase durante a tarde deste sábado, contándose con 80 participantes inscritos. Trátase dunha competición de referencia autonómica ao ser puntuable para o Campionato Galego de Ralis.
O tramo C, que será o terceiro cronometrado, discorrerá, en parte, polo Concello da Laracha, concretamente pola estrada municipal que comunica Boedo (Culleredo) co núcleo larachés de Vista Alegre (parroquia de Soandres) e ata o cruce coa DP1913 nas inmediacións da canteira (preto, tamén, do núcleo de Santa Baia). A distancia total do tramo é de 9.470 metros, dos cales preto de un quilómetro e medio pertencen a territorio larachés. Ao longo da xornada os participantes pasarán dous veces por este lugar, estando programada a saída do primeiro coche ás 17.00 e ás 19.45 horas.
Por tanto, e por razóns de seguridade, as citadas estradas permanecerán cortadas ao tráfico desde as 16.00 horas e, como mínimo, ata as 21.00 horas. Ao longo de toda a xornada a Policía Local da Laracha e a Agrupación de Voluntarios de Protección de Civil da Laracha estarán na zona para cooperar no desenvolvemento do evento.
O Racing Team One Seven organiza esta proba que conta coa colaboración do Concello da Laracha, a Xunta de Galicia e a Federación Galega de Automobilismo. Máis información sobre a vixésimo primeira edición desta proba na páxina web www.rallyeacoruna.com.
Hoxe, na explanada do Palacio de los Deportes de Riazor, levaranse a cabo as verificacións técnicas de todos os vehículos participantes, no que suporá o primeiro acto da competición herculina.