José M. Belo Fraga `Suízo' (Laracha, 1985) é o último futbolista en vestir as camisetas de Paiosaco e Laracha, dous equipos veciños que este domingo protagonizarán unha nova edición dun dos derbis máis atractivos da provincia coruñesa. O dianteiro recalou mediada a presente tempada no Laracha despois de comezar a liga no Larín de Terceira Autonómica. José Suízo, que ata agora participou en catro encontros co seu novo equipo, militou no Paiosaco desde a súa chegada a España en 2012 procedente de Suíza ata a súa saída da Porta Santa no curso 2015/2016 rumbo ao Club do Mar. O punta reencontrarase o domingo co seu pasado nun derbi no que considera que "non hai favorito".
- É unha semana especial para ti?
- Si. Cando vin de Suíza, o Paiosaco foi o primeiro club no que xoguei. Teño moitos amigos alí e sempre é bonito xogar contra eles.
- Que supón para ti enfrontarte ao Paiosaco?
- É especial porque foi o equipo que me deu a oportunidade de xogar. Sobre todo acórdome de Rama, que me aconsellou que probase no Paiosaco e estiven moi contento alí.
- Gardas un bo recordo do teu paso pola Porta Santa?
- Si, ata que entrou a nova directiva. Con Alberto (Suárez) estiven moi contento e a etapa de Cuéllar foi incrible. Pero o ano pasado houbo cousas que fixeron que non me gustaron e ao final marcheime cun mal sabor de boca.
- Que cousas?
- Puxéronme escusas e dixéronme que non tiña compromiso co equipo. Estupideces que non entendía. Despois de todo o que dera polo equipo non tiña ningún sentido tratarme así. Ao final saín porque non me sentía identificado con esa directiva.
- Por que fichaches polo Laracha?
-Este ano xa non ía xogar ao fútbol pero varios colegas como Raúl Añón ou Ceide xuntáronse para xogar no Larín, en Terceira Autonómica, e díxenme: vou para alí. Despois chamoume o Laracha e díxome se quería fichar porque había moitas baixas e aquí estou, moi contento.
- Recibiches vaciles ou escoitaches algo desagradable por fichar polo Laracha?
-Algo si pero non fago caso diso. O importante é que eu o pase ben e que estea cómodo no equipo.
. -Fálame do derbi. Como crees que será o partido?
-Será moi disputado. Creo que haberá poucas ocasións e que se decidirá por pequenos detalles.
- Cal pode ser a clave?.
-Penso que para nós a clave pode ser Miguel (Taibo). Está nun gran momento de forma e pode ser un gran factor ao noso favor. Non sei cantos partidos seguidos leva marcando e a confianza que ten agora mesmo pode ser decisiva.
- Doe chegar ao derbi por baixo do Paiosaco?
Non, só hai tres puntos de diferenza e aínda queda toda a segunda volta.
-Que equipo é favorito?
-Non hai favorito. Creo que está 50-50. Quizá eles sexan un pouco máis favoritos porque xogan en casa co apoio da súa afición.
-Que virtudes do Paiosaco debedes controlar e que defectos debedes atacar?
-Cando estaba eu o Paiosaco era un bloque moi unido que era moi difícil penetrar. Replegaba ben e á contra facía moito dano. Nós coa xente que temos arriba, creo que podemos facerlles dano aínda que sexa moi difícil. Ese é o noso punto positivo e onde se ten que xogar o partido.
-Dime un xogador de cada equipo que poida desnivelar o partido
.Pola nosa banda, Taibo ou Alexandre. Pola súa banda, creo que Rama. É moi seguro e ten ese algo diferente que inflúe na moral do equipo.
-Se marcas, cerebraralo?
- Sí
- Ves ó Laracha ascendendo?
-Queda toda a segunda volta, co paso dos partidos poderémolo ver. Hai que ser prudente porque aínda non estamos nas mellores posicións para loitar polo ascenso, pero espero que o Laracha estea o ano que vén en Terceira.
- Estás satisfeito co teu rol no equipo?
- Si, estou moi contento. O adestrador falou comigo e sei que teño que coller ritmo. Estaba a xogar en Terceira Autonómica e non ten nada que ver. Pouco a pouco chegarán as oportunidades. Polo de agora estou moi contento con todo.
- Que lle pides ao 2017?
- Se pode ser, que ascendamos









