Mi cuenta

Las notificaciones están bloqueadas. ¿Cómo desbloquear?

Mi cuenta

Las notificaciones están bloqueadas. ¿Cómo desbloquear?

O mundial e o asesor de prensa de JFK

Na miña mocidade, e brevemente, antes de me decantar polos negocios inmobiliarios (obviamente moito máis lucrativos) e décadas antes de saber situar A Coruña nun mapa (ou de saber en que consistía o soccer), fixen un curso de xornalismo e comunicación política na Drake University (Iowa), unha desas pequenas universidades do meu país en que case calquera pode acabar impartindo clases (non tanto recibíndoas porque a matrícula tampouco está ao alcance de todo o mundo). 

Pois ben, nese curso un dos profesores, un mangallón de talante desabrido que falaba sempre ex cátedra, como se soubese máis de política que Nicolas Maquiavelo, adoitaba lembrarnos unha frase que se lle atribúe ao secretario de prensa de John Fitzgerald Kennedy, Pierre Salinger: –Vostede pregúnteme o que queira, que eu lle responderei o que de me dea a gana. 

Ao meu profesor esta frase de Salinger parecíalle o compendio perfecto da comunicación política. 

Mantén sempre ti o control do que dis. Impón ti a axenda. Non permitas que cha impoñan os medios. Literal. Teño isto subliñado nun dos meus cartafoles (teño un feixe de cartafoles escritos desde a miña mocidade e gárdoos porque sempre tiven memoria de peixe e recorro a eles porque nesas páxinas risquei, están gravados, os episodios máis ou menos relevantes da miña vida, unha existencia tan insulsa como calquera outra). 

Ok. Kennedy. Salinger. Comunicación política. A que vén todo isto?, hanse preguntar. Nada, paso a esclarecérllelo. Lembren: son un octoxenario e, como tal, teño abondo tempo libre, así que este día, xoves 2 de outubro, vin, a través de coruna.gal, o Pleno do Concello da Coruña e vino, si, porque o grande Cudeiro me advertiu nestas mesmas páxinas que se ían ventilar dúas preguntas ao Goberno de Inés Rey sobre o Mundial 2030. 

2030. Uf, créanme que escribo esa data cun certo tremelicar nos dedos cando impactan no teclado do meu laptop. Teño case 84 anos, así que para quen anda nestas idades pensar a un lustro vista ten algo de arrepiante, xa me entenden, un está aquí e mañá xa veremos, aínda lle escoitei dicir algo semellante a Woody Allen este día nunha entrevista co gallo da publicación da súa primeira novela, aos seus moi provectos 89 anos. “Coñezo moita xente da miña idade que loce fenomenal —o típico nacho que atopas na rúa e dislle ‘que ben te conservas!’— e uns días despois les no xornal a noticia do seu óbito”. En fin, Allen pasa por ser un hipocondríaco, mais nisto ten máis razón que un santo. Mágoa que á marxe de facer brincadeiras macabras sobre a súa idade non aproveitase para condenar o xenocidio en Gaza.

 En fin, que agardo morar aínda en 2030 no meu pisiño de Manuel Murguía e até teño certo curiosidade por saber se nesa altura poderemos ver na cidade algún partido mundialista, de aí que asistise expectante ás preguntas ao portavoz do Goberno Local. 

Preguntas que nos facemos todos, non só as señoras e os señores concelleiros da oposición. Preguntas como por que tanta opacidade, canto nos vai custar o asunto, cando van comezar as obras, quen vai ser o operador privado e a cambio de que vai poñer diñeiro, se o retorno económico vai compensar realmente o investimento... Cousas moi normais a preguntar nunha sesión de control ao Goberno. 

E que contestou Lage, o señor portavoz do Goberno Local ou, dito na miña lingua nai, the local government’s spokesperson? Pois basicamente nada. Nada concreto. Transparencia cero. Ou sexa, aplicou a receita de Salinger: vostede pregúnteme o que queira, que eu lle responderei o que me dea a gana.

 Xosé Mexuto é xornalista e informou durante anos sobre o Deportivo. Agora muda nas nosas páxinas nun sosías de Frank Bascombe, a persoaxe creada por Richard Ford que retrataba a vida norteamericana no cambio de milenio. Bascombe achégase agora a Riazor.