A Xunta recibe ás xogadoras do Victoria CF feminino tras o seu histórico ascenso a Segunda RFEF
A delegada da Xunta e o secretario xeral para o Deporte puxeron en valor o éxito dun histórico do fútbol coruñés que leva anos apostando decididamente pola canteira e polo fútbol feminino

A delegada da Xunta na Coruña, Belén do Campo, xunto a Roberto García, secretario xeral para o Deporte, recibiu hoxe ás xogadoras, corpo técnico e directiva do Victoria CF feminino para felicitalas polo histórico ascenso á Segunda RFEF, a terceira categoría do fútbol feminino español, acadado tras superar ao Real Zaragoza na eliminatoria definitiva. Será o terceiro club galego que competirá o próximo ano nesta liga, onde tamén están o Deportivo B e As Celtas.
Durante o encontro, ambos destacaron “o enorme exemplo de esforzo, compromiso e superación” que representa este equipo coruñés, así como o papel fundamental que desempeña no impulso do deporte feminino galego e na promoción da igualdade a través do fútbol.
Puxeron en valor a traxectoria do Victoria CF, un club histórico do fútbol coruñés fundado en 1943 e que leva anos apostando decididamente pola canteira e polo fútbol feminino, consolidando un proxecto deportivo sólido e de futuro. Na actualidade, o club conta con 32 equipos, preto de 600 deportistas federados, arredor de 150 mulleres e máis de 40 técnicos, o que evidencia a dimensión social e deportiva dunha entidade plenamente consolidada no fútbol galego.
Tamén lembraron que o conxunto xa estivera preto do ascenso en temporadas anteriores, demostrando unha evolución constante que agora obtén a súa recompensa cun merecido salto de categoría.
A representante do Goberno autonómico sinalou que “este éxito transcende o deportivo e converte ao Victoria CF nun referente para moitas nenas e mozas galegas que soñan con abrirse camiño no fútbol”. Ademais, subliñou que “Galicia vive un momento histórico para o fútbol feminino, con 13 equipos galegos na Liga Nacional, o que evidencia o crecemento e a consolidación desta modalidade na nosa comunidade”.
O secretario xeral destacou a tendencia á alza en 2025 do número de deportistas femininas, xa que das 322.000 licencias deportivas concedidas na comunidade galega, preto de 88.000 corresponden a deportistas femeninas.
A delegada e o secretario xeral puxeron en valor o compromiso da Xunta co deporte federado e co fútbol galego, destacando que a Real Federación Galega de Fútbol conta en 2026 cun convenio de colaboración coa Xunta de case 320.000 euros, entre outros apoios.











