Diego Baldomir: "Isto non é Terceira Rexional, é o Laracha"
O dianteiro fala de orgullo por estar no equipo da súa localidade tras unha traxectoria marcada por un quiste no xeonllo

Diego Baldomir (A Laracha, 1999) é un dos estandartes do novo equipo da súa localidade natal, o Xuventude. Dianteiro de área, con capacidade para asociarse, describe ao mais puro estilo Lucas Pérez a sensación de estar no equipo que continúa o legado do desaparecido Laracha CF, co que incluso disputou uns minutos na Terceira División.
Cal foi o teu percorrido no fútbol base?
Comecei en benxamíns no Laracha, pero o que máis me formou foi o Bergantiños, dende alevín ata o primeiro ano de xuvenís. Despois volvín ao Laracha.
Alí debutaches en Terceira incluso. E despois co Arteixo tamén tiveches uns minutos en Preferente. Que recordas deses partidos?
Co Laracha tiven 20 minutos contra o Cultural Areas e co Arteixo xoguei no antigo campo de herba natural contra o Montañeros. Foron sensacións incribles. Estou moi contento por ter vivido iso e teño a esperanza de volver a estar algún día a ese nivel.
Consideras que entón estabas no teu pico futbolístico?
Si, posiblemente foi o meu pico. Tiven un quiste no xeonllo e houbo que operar, así que agora estou intentando recuperar o nível, pero non é o mesmo que antes.
"Tiven un quiste no xeonllo e houbo que operar; agora trato de recuperar o nivel"
Como foi estar sen xogar entre 2020 e 2022?
Foi duro. Non podía dobrar o xeonllo nin practicar deporte. Foron dous anos moi difíciles, de moito pensar. Pero cando me chamaron para volver, non o pensei dúas veces. Agora estou intentando recuperar pouco a pouco.
Como viviches a chamada do Cercedense tras ese tempo sen xogar?
Tiña amigos alí e o adestrador, Pepe Mariño animoume a volver. Foi moi bonito poder aceptar a oportunidade, porque pensaba que quizais non me quedaba fútbol por diante.
Estiveches dous anos alí, ata que chamou o novo Xuventude de Laracha. Entendo que non dubidaches en volver ao teu equipo, non?
Exacto, apenas se propuxo ilumináronseme os ollos. Xogar no equipo do meu pobo é unha ilusión enorme, unha experiencia espectacular. Isto non é Terceira Rexional, é o Laracha.
Imaxino que o plan é facer as cousas distintas que co antigo club.
Si, exacto. Polo de agora estanse a facer as cousas moi ben. Estase confiando na xente da canteira, que igual é un pouco que faltou na anterior etapa. Somos todos do pobo e estamos todos moi ilusionado e con ganas de devolvelo a onde merece.
Como ves o nivel da Liga e os rivais deste ano, que son todos coruñeses.
É unha Liga moi competitiva, similar á do ano pasado. Hai equipos fortes, pero encontro máis similitudes que diferencias con respecto ao grupo do que vimos. Pode que unha sexa o tema das saídas, que íamos a campos de herba natural que estaban en peores condicións que os da Coruña, e outra a afección, que tiñan máis.
Que xogadores da túa categoría non poden faltar nesta sección?
Voume quedar con tres. Do Atlético Cercedense co capitán Ángel Souto e con Miguel Rico. E logo cun mítico do Larín, Pablo Montes Balbís, que ten que saír antes ou despois.


