A Coruña acolle esta fin de semana o Campionato de España de Tríatlon Cadete, Xuvenil e Xúnior
Máis dun milleiro de deportistas competirán sábado e domingo na zona entre O Parrote o Castelo de San Antón

A Coruña acollerá este sábado 20 e domingo 21 os Campionatos de España de Tríatlon Cadete, Xuvenil e Xúnior, e os nacionais de Relevos Mixtos de Talentos, última xornada da liga Talento da Federación Española, dedicada ás categorías cadete e xuvenil. A concelleira de Benestar Social e Igualdade, Nereida Canosa, presentou este venres en María Pita a competición xunto aos organizadores e representantes das federacións galega e española.
“A Coruña é unha cidade vibrante, e cada vez máis. Nótase nas actividades culturais, nas persoas turistas que nos visitan e, por suposto, no calendario deportivo. Cando traemos eventos coma estes situámonos no panorama nacional e internacional como un lugar cheo de posibilidades, recursos e gana de novos retos. Sen esquecer o gran retorno económico que traen os campionatos de todas as disciplinas que ao longo do ano nos elixen como a súa sede”, subliñou Nereida Canosa.
As competicións, en circuítos curtos e rápidos, reunirán máis dun milleiro de triatletas, e volverán ter como centro principal a zona de baños do Parrote, onde se realizará a natación, con ciclismo no porto e contorna, compartindo escenario para a carreira a pé que levará aos deportistas ata o Castelo de San Antón, antes de afrontar a xa emblemática meta da proba situada na praza de María Pita.
O sábado realizarase o Campionato de España de Tríatlon Cadete, Xuvenil e Xúnior, con distancias SuperSprint e series clasificatorias en cada unha das categorías a partir das 16.00 horas, nas que se obtén o pase para as finais, que se disputarán ao longo da tarde. As finais cadetes terán lugar ás 19.00 horas, as xuvenís ás 19.30, e as Júnior ás 20.00 horas.
O domingo, a partir das 11.30 horas na categoría masculina, e das 12.15 na feminina, disputarase o Campionato de España para a categoría Xúnior en distancia Sprint.
O Nacional por Relevos Mixtos de Talentos 2026, sexta e última xornada da liga Talento, dedicada ás categorías cadete e xuvenil, realizarase o domingo. Dúas triatletas femininas e dous masculinos de cada club iranse remudando realizando cadaquén un tríatlon de distancia SuperSprint. Pódese consultar aquí toda a información.
Kids Series by Javier Gómez Noya
O sábado, tamén na zona da Mariña e O Parrote, terá lugar unha proba do circuíto nacional Pho3nix Kids Triathlon Series by Javier Gómez Noya 2026, con carreiras de promoción para as categorías Pre-Benxamín, Benxamín, Alevín e Infantil, con saídas a partir das 11.00 horas e distancias adaptadas á categoría, agasallo de camiseta e medalla de finishers para os mozos participantes no circuíto.












