
Óscar Gilsanz: "Aínda non volvín a Riazor, quizais para o partido do ascenso"
O exadestrador do Deportivo repasa o traballo da canteira branquiazul tralo ascenso do Fabril, o día a día fóra dos bancos e como ve ao equipo de Antonio Hidalgo
Falta pouco para que se cumpra un ano dende a súa saída do Deportivo, tempo no que Óscar Gilsanz (Betanzos, 1973) non volveu adestrar, pero no que nunca parou de formarse e tratar de evolucionar como técnico. Nunha semana na que o que fora o seu Fabril ascendeu a Primeira RFEF con varios xogadores que tivo ás súas ordes, o adestrador repasa o traballo de canteira en Abegondo, o día a día fóra dos bancos e tamén como ve ao Deportivo de Antonio Hidalgo, convencido de que a dinámica do equipo lle dará o pracer de regresar por primeira vez a Riazor para presenciar o ascenso esta mesma tempada.
Case un ano despois de saír do Dépor, en que punto se atopa agora, tanto profesional como persoal?
Coma sempre que un está sen adestrar. Vendo moito fútbol, tratando de aprender doutros compañeiros, vendo outras maneiras de traballar… e sobre todo gozando moito do tempo coa familia, do tempo libre. Que si que é certo que na miña vida deportiva poucas oportunidades tiven para poder facelo. Agora gozo desas pequenas cousas, pequenos praceres que antes non podía.
Sempre sen deixar de ver fútbol…
Estou vendo moitos partidos, si. Tratando de estar ao tanto de todo o que pasa no noso fútbol e tamén noutras ligas. A semana pasada estiven en Portugal vendo traballar a Carlos Vicens no Sporting Braga. Volvín cunha idea moi boa do seu traballo, de todo o que están facendo alí, de como enfocan a semana, o día a día, e de como lle están dando unha identidade ao club, ao equipo. Tamén estiven en Barcelona vendo a Manolo González… sempre hai que estar activos. Sobre todo tamén con estas novas aplicacións para o fútbol, para os datos… intentado estar ao tanto de todo.
Agradécese entón certa calma.
Os adestradores somos un pouco masoquistas. Sempre é bo desconectar un pouco, é necesario. Un tempo onde non teñas esa obriga diaria, esa voráxine do día a día nun club sempre é benvido. Porque esa desconexión tamén nos alimenta un pouco. Cando empezas a pensar nos equipos, nos partidos… sempre queremos ver como nos enfrontaríamos a iso. Como faríamos aquí… para tratar de ver as cousas dende o punto de vista do adestrador que vai preparar un partido, unha semana de adestramentos, unha estratexia… entón aínda que hai unha parte agradable, ese masoquismo que dicía fai que tamén necesitemos adestrar.
Neste caso, a actualidade está marcada polo Fabril, que lle toca de preto. Sente que forma parte deste ascenso, aínda que sexa unha parte moi pequena?
Non. Non o vexo así. Agora mesmo si que é certo que hai xogadores que adestrei. Incluso moitos son futbolistas cos que comecei o ano pasado. Pero nun éxito dunha canteira como o da Copa de Campións cando estaba eu no Xuvenil ou no ascenso do Fabril a Segunda RFEF, sempre digo que é un traballo de moitísima xente. Cando hai un éxito é produto e consecuencia do esforzo de moita xente e moitos anos. Neste caso, en Abegondo e no Dépor hai moitos anos, xa antes de chegar eu, que se estaban facendo as cousas ben. Para que ahora cheguemos a este momento onde prácticamente todos os equipos compiten e están a facer un bo fútbol, a sacar xogadores para o equipo seguinte… e a guinda está no Fabril cun traballo espectacular de Manuel Pablo e todo o seu corpo técnico. O mérito é deles e de todos os que traballan na canteira. Os que traballamos nalgún momento, cando estás fóra non te sintes igual de partícipe, pero como digo, é un traballo de moitos anos. E tamén, claro, dun corpo técnico que coñezo de primeira man porque o 80 % estaba comigo no Fabril. Se digo que foi espectacular estaría quedando curto.
Cando hai un éxito na canteira, sempre digo que é un traballo de moita xente"
Algún dos rapaces que tivo nestes anos atrás lle está sorprendendo?
Creo que o traballo dun equipo de canteira é un traballo lineal en canto a progresión continua. E que moitos destes xogadores que pasaron por momentos máis difíciles, o día a día failles chegar a un ritmo de xogo moi alto. A un nivel de dominio dos partidos moi alto e creo que iso fixo que dominaran a categoría de principio a fin. Está por exemplo o caso de Bil Nsongo. Chegou o ano pasado a finais de agosto, non sabía nin unha palabra de español nin inglés, só falaba francés. E no equipo practicamente ninguén falaba francés. No último partido que adestrei eu ao Fabril, contra o Rayo Cantabria, foi o seu primeiro encontro titular, porque víamos unha progresión en dous meses moi boa.
Houbo progresión para desenvolver talento, pero tamén unha mentalidade competitiva que vai máis alá de xeracións puntuais.
Cando a min me chama o Dépor para adestrar ao Xuvenil, recordo que a primeira entrevista que tiven co club é sobre que vou adestrar unha xeración con moito talento, pero á que queren exprimir a nivel competitivo. Que den un paso máis. Eu tiña experiencia na base, pero sobre todo tiña experiencia no fútbol de Terceira División e Preferente. Cando chego ao Dépor teño 300 partidos xa en Terceira. Buscaban un perfil de adestrador que dentro da metodoloxía de traballo, dera un paso máis competitivo para acercar aos xogadores ao fútbol que se ían atopar a tres ou catro anos vista. Entendo esa idea. Porque realmente chegados xa a certas idades… Mella pasa practicamente dos xuvenís ao primeiro equipo, ten poucos partidos co Fabril polas lesións. Nesas situacións non hai un botón para darlle ao futbolista e dicirlle ‘agora estás xogando ben, pero agora tes tamén que competir’. Ten que ser un proceso e o club viña encamiñado a iso con certas decisións. Como que os equipos de base competisen nos mellores torneos que había en España e incluso en Europa. Iso eleva aos equipos a competir, porque fai que os rapaces estén acostumbrados a competir mellor contra os Barça, Madrid, Bayern… son rivais de nivel top. Recordo cando chegamos á final contra o Barça na Copa de Campións, esa xeración de 2003 xa eliminara ao Barça nun torneo infantil anos antes. Así, cando o Fabril chega a Segunda RFEF necesitas tirar menos de fichaxes e podes facelo con xogadores que veñen máis preparados de abaixo nese aspecto.

Como agora o Fabril con Kevin, Diego, Rubén...
Iso xa vai ser un pouco decisión tamén de cada xogador, das expectativas… cando a calidade do primeiro equipo vai aumentando, e a categoría do primeiro equipo está aumentando, o nivel tamén medra na plantilla e o salto é máis grande. Cada xogador ten que analizarse e hai que ver que opcións teñen para quedar. E cando falo do xogador falo tamén do seu entorno ou tamén das decisións do propio club.
Algunha vez estivera tanto tempo sen adestrar?
Si, dous anos e medio cando saín do Betanzos.
Entón isto non é nada.
Non (risas). O que pasa que antes cando non adestraba tiña que traballar.
Empeza xa a botalo de menos? Pesa máis agora ese masoquismo do que falaba antes ou era peor ao principio?
Como dicía, estou aproveitando para coñecer outras ligas, aos futbolistas, metodoloxías… estudar maneiras de xogar noutros lugares. O tempo sempre é relativo, porque este ano pasou rapidísimo.
Pero axustouse a algunha rutina ou preferiu ser flexible?
Os adestradores tratamos de ser metódicos. Normalmente o fútbol que vexo son uns 30 partidos por semana, máis ou menos. Para ter controlado o mercado de futbolistas, de equipos. Que se te chama un equipo sepa que hai algúns xogadores que levan tempo fóra. Poder ter unha conversación con calquera dunha liga e que se vexa que estás ao tanto. Sábado e domingo xa teño vista toda a Segunda División. E logo entre luns, martes e mércores vexo a Primeira RFEF. Quizais non todos os partidos, pero si sete ou oito de cada grupo. Tratas de ser metódico porque do contrario é imposible que teñas unha rutina na que sexas capaz de exprimir o día. Incluso na hora de erguerse. Eu sigo erguéndome ás sete da mañá todos os días.
O Dépor pediume exprimir a nivel competitivo unha xeración de moito talento"
E a rutina do mercado? Como se move no caso dos adestradores?
Un pouco de todo. Escoitas, o teu axente traballa por detrás… e ti sábelo ou non (risas). E nalgún caso que hai ofertas é escoitar, valorar… cando alguén decide xa falar contigo non sabes se queren escoitar o que lles gustaría escoitar ou se queren escoitar a verdade. A min sempre me gusta dar a miña opinión. Sempre hai que escoitar, aceptar ou non… e bueno, agora tamén valoras outras cousas. As ofertas non chegan a 30 kilómetros da casa ou a 50, veñen de máis lonxe. E xa entras a valorar se marchas ou non. Estou disposto a marchar, pero teño que ver se convén, valorar coa familia… son moitas cousas que custán máis do que parecen. Custan máis que o feito de entrar nun vestuario mañá para adestrar a un equipo.
Estivo cerca este ano?
Algunha cousa houbo cerca, algunha cousa que tamén rexeitei. Houbo tamén cousas que non progresaron cando precía que podían progresar… un pouco de todo.
Moitos adestradores falan de inxustizas ás veces, como de certo clasismo no fútbol cando se mira o currículum dos adestradores
Non podo falar do que pensan outros de min. Eu falo do que eu valoro. Sei o que me custou ser adestrador, sei o que me custou a min adestrar. Sei o que me custou adestrar en Terceira División. E en Segunda, loxicamente. E o meu camiño non o cambio por nada. Porque cada paso que das, estás tirando ti de todo. Estou moi orgulloso da miña traxectoria deportiva, moito. Pero xa estaba antes de dirixir ao Dépor en Segunda, porque non é fácil.
E mirando xa cara o futuro, márcase fronteiras? Tanto a nivel xeográfico como de categoría?
Cada oferta ou posibilidade de adestrar é unha historia en si mesma. Unha mistura de lugar, categoría… tes que valorar a diferencia de todo. Obviamente cando saes de Segunda División, sobre todo coa temporada que fixemos o ano pasado, cres que podes adestrar nesta categoría, sen ningunha dúbida. Entón valoras con bos ollos que poida chegar algo dese nivel.
A persectiva do tempo fai que cambie o recordo da súa saída do Deportivo?
Non. Eu creo que o que se trasladou cando foi a miña saída non cambiou absolutamente nada. Dixen no seu momento que tiña claro que o traballo que fixera o ano pasado foi moi bo. Estou nun momento da miña vida no que non necesito eloxios para saber como fixen as cousas. Non necesito que me digan que teño un pelazo rubio, porque xa sei que non o teño. Un é consciente das cousas boas e das malas. Creo que o traballo que fixen foi moi bo, pero tamén entendo que a xente que toma as decisións decidira iso. Evidentemente, como xa lle dixen a eles, non podo estar dacordo, pero entendo que se tomen as decisións polo ben do club e do proxecto. Igual que eu tomo decisión sobre os xogadores e os que non xogan, non me van entender. Durante 26 xornadas tivemos un ritmo de playoff. Entón creo que se poden facer moitas valoracións, pero a temporada foi boa.
Non cambiaría os sete meses que fun adestrador do Deportivo por nada"
Chegou a haber unha proposta por parte do club para seguir na escola de adestradores…
A min gústame adestrar, síntome adestrador. Cando me din que quede noutro posto, digo que o que me gusta é adestrar, pero que estou disposto a quedar. Pero ese posto eu non o valoraba e, sobre todo, cría que non tiña moito que aportar. Era un posto máis administrativo que outra cousa. Non era moi cerca do fútbol. Non era un sitio onde a miña formación puidera achegar algo. Non quería engañarme a min mesmo nin engagñar a ninguén para estar aí.
E como está sendo a súa relación co Deportivo este ano? Non tanto dende o punto de vista persoal cos dirixentes, se non co equipo como deportivista que sempre foi.
A miña relación coa xente do club é normal. A semana pasada en Portugal tamén visitei ao Penafiel e estiven coa xente que leva o club. A relación é cordial, normal. A relación como afeccionado… eu sempre digo que non é fácil pasar de ver o partido na grada a ser o máximo responsable do equipo. Tes que ter certa distancia para tomar decisións correctas. Pois se esa baixada non é fácil, aínda así foi bastante máis fácil que volver á grada porque xa non ves o fútbol de igual maneira. Velo un pouco diferente. Sigo sendo socio, pero aínda non volvín a Riazor... quizais para o partido do ascenso (risas). Pero non por nada, se non porque prefiro velo tranquilo na casa.
Cambia para sempre.
Si, pero en todos os equipos nos que estás. Tiven a gran sorte de ter dous equipos dos que son afeccionado e fun adestrador. O Deportivo e o Betanzos. Segues apoiando da mesma maneira interiormente, pero cara fóra debes ser diferente. Recordo que algunha vez me coincidiu de ver un partido nun bar. Vin a primeira parte. A segunda xa a fun ver a casa porque sempre me viñan dicir que cría que debería facer o equipo. En todo caso, non cambio eses sete meses por absolutamente nada. Sentinme realizado, sentín que o equipo iba co que nós dicíamos, que cada vez era máis difícil de batir polos rivais, un equipo forte en todo.
E aínda dende a casa, como está vendo o equipo como afeccionado?
Como dicía, é complicado velo como aficionado. E como adestrador, non sería moi elegante mostrar unha opinión. Nin moi positiva, que parecería que estou actuando, nin negativa, dende logo. Eu creo que estamos en disposición de que, nunha liga moi complicada e na que todos pasan malos momentos, estamos agora mesmo en ascenso directo a falta de sete xornadas. Con todas as garantías para poder disputar ese ascenso nunha tempada moi ilusionante. Eu véxoo cos ollos dos meus fillos, que pola idade que teñen vese esa ilusión. De toda a Segunda, creo que o Dépor, dende o inicio, con momentos mellores ou peores, é o equipo con máis capacidade de desequilibrio e que máis sensación dá de ser difícil que perda.

Como ve a categoría?
A sensación que dá a categoría é sempre parecida pola igualdade que hai. É moi alta. Case calquera equipo pode gañar. O que si creo é que a Segunda é unha categoría onde a influencia dos adestradores é maior polo nivel dos futbolistas. En Primeira, téñoo falado con adestradores, ti podes facer as cousas moi ben tacticamente, que chega algún dos de arriba e todos teñen xogadores que poden solucionar partidos. Igual perdes 3-0 e preguntas como puido ser.
Hai moito debate agora sobre o papel dos adestradores. Centrado especialmente en cara onde vai o fútbol á hora de propoñer, esperar… xa o había tamén co seu Dépor.
Creo que a evolución do fútbol vai cara uns xogadores cada vez mellores a nivel condicional. Cada vez están preparados para facer esforzos máximos durante máis tempo. Entón o fútbol evoluciona cara duelos individuais porque os equipos cada vez están máis preparados para atopar o home libre. E despois tamén cara bloques baixos. Porque cando non podes roubar e te superan, defendes máis atrás para pechar espacios. En canto ao meu Dépor, e aí si que podo falar claramente, viña dunha tempada moi boa en Primeira RFEF sendo un equipo moi dominante. O nivel de intensidade física que había era moi alta. Cando iso se trasladou a Segunda, eu fixen a análise e parecíame que nese ida e volta, o equipo saía máis perdedor que gañador. Non era a mesma categoría, non eran os mesmos rivais… parecíame que non podía expoñer tanto ao equipo. A partir de aí comezamos a traballar para ser un equipo que tocase moito en campo propio. Tiñamos xogadores determinantes no un contra un, pero tampouco roubábamos moi alto. Había unha estratexia clara para xuntarse, atraer ao rival para atopar aos xogadores determinantes ás costas e que encararan ao seu par. Baixábamos ao mediocentro entre centrais, a Mario… e a partir de aí buscar correr.
É importante saber lidiar coa crítica, especialmente nas redes sociais. Temos esta semana o caso de Charlie Patiño tralo seu erro en Huesca.
É moi difícil. Eu creo que tiven certa fortuna, ou non, porque claro, xa teño 53 anos e a miña carreira xa vai bastante máis aló, pero chegar a esta idade ou a este nivel de aceptar que o que se escribe non che pode afectar, sobre todo agora nas redes sociais. Recordo adestradores dos anos 90 que dicían que non lían a prensa para evadirse. Pero a prensa, se fai unha análise do xogo cando se gaña, ten que facela tamén cando se perde. Non podes meter ‘caña’ un día e ao seguinte todo o contrario. En cambio, a xente nas redes sociais si. Se está contra o adestrador, cando se gaña non di nada e espera a que perda. E cando perde, entón entra. É moito máis prexudicial e tamén moito máis irreal. Por iso non hai que estar pendente diso. Eu o que fixen foi quitar as redes do móbil, polo menos. Non pechar as contas, porque as utilizo para poñer algo a nivel oficial ou laboral. Por exemplo, cando estiven en Braga ou a felicitación ao Fabril o outro día. Porque xa felicitei ao corpo técnico un por un persoalmente, pero sempre hai quen di: “Este non dixo nada”. Pero o resto non miro absolutamente nada. Estou nunha idade na que non me fai falta o eloxio, xa sei cando me equivoco e non necesito iso. As redes sociais son totalmente prescindibles e, para os futbolistas, coa idade que teñen, é ata recomendable.
Para os futbolistas, coa idade que teñen, as redes sociais son totalmente prescindibles"
Neste tema pódense mencionar dous nomes propios que vostede coñece ben: Mella, co que foron duros o verán pasado polo seu físico e que agora está lesionado ata final de tempada, e Yeremay, que tampouco está no seu mellor momento por problemas físicos. Como os está vendo?
Son mozos que tiveron que cargar ás súas costas rapidamente toda a ilusión dun club, e un club como o Dépor non é calquera. Temos unha historia e unha afección que non é doada de igualar, xa non só nesta categoría, senón tamén en Primeira. E desde a saída de Lucas, que era un xogador que aglutinaba moita presión, capaz de ser un pouco o buque insignia de todo o mundo, o faro… É unha situación que nos tocou manexar e que non era nada doada. Das cousas das que máis orgullosos podemos estar os que estabamos dentro é de que o equipo non se resentise dunha baixa tan importante, a nivel deportivo, pero sobre todo no vestiario.
De liderado, era o capitán.
Claro, iso posiblemente é das cousas das que máis orgullosos estamos os que estabamos aí, de facer que o equipo rendese exactamente igual. Aí tocoulles coller ás súas costas a presión e a ilusión de toda unha cidade, e non é doado para mozos tan novos. O carácter que teñen os dous é moi bo para iso. Mella é un pouco máis extrovertido, pero non é doado para eles. Yeremay está a pasar por problemas físicos e iso pesa no seu día a día, é un xogador que sofre moito desas cousas. Pero teño confianza plena nos dous. Aínda así, este ano o equipo ten solucións de garantías para que non se note que agora Mella non estea ou que Yeremay estea por baixo do seu nivel polo tema das lesións.
Gilsanz: "O cambio real de Yeremay foi no ano que estivo sen xogar con Óscar Cano"
Gilsanz tivo tamén palabras de eloxio para Yeremay, ao que ve nunha evolución constante, pero marca claramente o momento no que “fixo clic”. “Coñecín a Yere cando cheguei ao xuvenil. El levaba aquí xa tres ou catro anos. Cando chegas, todo o mundo che fala dun xogador: ‘Este é así, hai que ter coidado’. O que coñecín del é que era un xogador cun corazón moi grande desde o principio. Evidentemente, con certos problemas de conduta, de rebeldía, por dicilo dalgún xeito, pero era unha persoa que, cando te achegabas a el e tratabas de comprendelo, máis que castigar a súa rebeldía, abríase moito máis. Creo que o cambio real foi o ano que estivo con Óscar Cano sen xogar. Creo que aí se deu conta de que quería ser futbolista, de que o que estaba a facer lle gustaba, pero que, se non aumentaba a nivel condicional, físico e de traballo, non ía ter a oportunidade de selo”.
“O ano pasado metíame con el e dicíalle ‘pensabas que ías xogar ao fútbol pola túa calidade e resulta que xogas polo físico’. A calidade tívoa sempre, facía cousas nos adestramentos que eran incríbles. Agora engadiu a velocidade á súa habilidade. Ser capaz de ser un xogador determinante, facendo o que xa facía sempre, pero coa capacidade de desequilibrar defensas. Creo que ese é o gran cambio que deu. E despois, que a madurez tamén vai chegando. Pero, sobre todo, que decidiu ser futbolista”.


