
Xanma, cantante e guitarrista de The Rapants: "Sei que compoñer o himno do Dépor é algo idílico, pero faríame ilusión"
O músico, "deportivista dende pequeno", foi protagonista en redes esta semana por manifestar o seu soño dunha posible colaboración co club branquiazul
Xanma Louro (Muros, 1997) atravesa un momento doce coa banda de moda The Rapants, na que exerce como vocalista e guitarrista, pero esta semana viu como o foco se poñía sobre o seu nome por dicir algo tan normal para un músico deportivista como que un soño por cumprir sería participar no novo himno do Dépor.
O home do momento. Non sei se imaxinaba que dicir que quería compoñer o himno do Deportivo podía causar tanto balbordo.
A verdade é que non, porque xa o dixen máis veces noutras entrevistas. Paréceme algo normal. Ao final son do Dépor desde pequeno. Preguntáronme por un soño que teña, é algo que me faría ilusión, sendo consciente de que é algo idílico, que non tería por que pasar. Faltaría máis. Hai miles de persoas que seguramente sexan máis deportivistas e mellores músicos ca min para facelo. Entón, sorprendeume un pouco pola diferenza de opinións que houbo en redes e o caos que se armou.
Sobre todo, á afección do Celta molestáronlle moito as súas declaracións, pero vostede nunca ocultou o seu deportivismo. Entende a súa postura?
Non, non a entendo moito. Eu creo que son partes de cada unha das afeccións. Os sectores se cadra un pouco máis extremistas. Temos moitos amigos do Celta, empezando por Samuel. Coñecín a moita da súa afección, tocamos alí cando foi a festa de fin de tempada hai uns anos. Desde o equipo tratáronme estupendamente, pero obviamente son do Dépor e non o podo ocultar nin evitalo. Cando fomos tocar intentaba ser o máis cordial posible, porque cando o Dépor nos invitou a Riazor a ver un partido, fixéronnos un recibimento, déronnos unha camiseta e Samuel, que é do Celta, tomouno con total normalidade. Gozou do partido, portouse xenial… Entón, cando nos chamaron para tocar en Balaídos, eu vin que tiña que ser igual. Ao final é o meu traballo. E se a afección do Celta quere un concerto de The Rapants, téñolle que dar o mellor en cada concerto. Despois xa irei animar ao Dépor e xa farei o que queira no meu tempo libre.
De feito, nesa actuación de Balaídos, Samuel é o único que leva unha camiseta co escudo. Vostede vai de celeste, pero o único que a leva é el.
Claro. Respectei a gama cromática, pero obviamente deixei claro que non ía poñer unha camiseta do Celta, porque non son do Celta. Samuel para esas cousas si que é moito máis natural. Haberá quen o critique, pero eu respéctoo mogollón, porque o toma con moita naturalidade. Sabe diferenciar moi ben, respectar a todas as afeccións, a todos os equipos. Por ser do Celta non rexeitou vir a Riazor e estar coa camiseta do Dépor. Eu si que dixen que eu non quería saír coa do Celta.
Hai sitio para todos, non? Son catro, cada un terá o seu equipo e as súas preferencias.
Si, eu véxoo bastante normal. En todos os traballos hai un amigo que é do Celta, un que é do Dépor… A min pásame. Eu teño a Samuel e Samuel tenme a min. A Matías non lle gusta o fútbol. Xogouno, pero nunca foi un seareiro e sempre comenta que el é do Sevilla porque o himno do Arrebato lle cambiou a vida. Encántalle e parécelle o máis bonito da historia do fútbol. Entón se lle preguntan de que equipo é, di do Sevilla polo himno do Arrebato. Non sei, cada un tira polo seu.

E quizá por tirar cada un polo seu, nun dos últimos videoclips, no de ‘Non sei como’, hai unha camiseta do Celta... e unha do Deportivo.
Si, e sae Hugo Rama. Intentamos contar con xogadores do Celta e do Dépor, pero por calendarios e no medio da tempada era moi complicado. Hugo estaba buscando equipo antes de ir para Grecia e aceptou. Ao final non podemos mesturar unha cousa coa outra. Non se pode levar tanto aos extremos porque en Twitter teño o móbil que me arde todos os días. Onte pensei que se acabara, pero pola tarde un volveulle a responder mal a outro e volveu prender o lume.
Comenta que o club sabía do seu interese. Hai posibilidade real ou simplemente é iso, un soño?
Non o sei, a verdade. Agora mesmo non teño ningún trato con ninguén do club. Pero se no futuro o Dépor necesita un utillero ou o que sexa, estou dispoñible para todo. Desde o himno ata o que faga falta.
Un himno novo é algo que moitos deportivistas pediron en múltiples ocasións. Esta tempada en concreto está a haber moito debate co que ten que soar por megafonía cando os xogadores saltan ao campo, que é cando máis se bota de menos. Tanta expectación podería xerar unha responsabilidade maior ou, no caso de que chegase esa oportunidade, sería capaz de tomalo como algo natural?
Creo que o tomaría como algo natural. Obviamente é un traballo para unha comunidade tan grande como é a do Dépor, que vai máis aló da cidade da Coruña e se cadra mesmo de Galicia. Tería que formar parte moita xente. Desde as afeccionadas e os afeccionados, ata as xogadoras e os xogadores e tamén a afición. Todo ese ecosistema que xira ao redor do Deportivo, porque eu creo que é moi especial en relación con outros equipos. Todo sería poñerse.
Como nace a súa relación co Dépor?
Desde moi pequeno. Non teño un recordo, pero si que a primeira camiseta de fútbol que tiven foi do Dépor en 2002. Eu son do 97, e con catro anos máis ou menos compráronme a primeira, co 9 de Tristán pero co meu nome. Aínda a conservo, porque todas as que tiven despois a miña nai foillas dando aos meus colegas que eran máis pequenos porque a min xa non me valían. Os meus pais sempre me levaron a Riazor, tiña curmáns máis maiores e eu era moi pequeno. E claro, non me decataba de nada. Vivín a época dourada do Dépor sendo un anano. Cando xa fun adolescente, puiden ir pola miña conta aos partidos. Facer as previas cámbiache a vida. Ir a un partido e beber antes cos teus colegas, ao sol, en Riazor… esa previa non a comparo con ningunha outra que vivín na miña vida nun campo de fútbol. As previas en Riazor son outra cousa. O tráfico cortado, todo o mundo na rúa... é unha marabilla.
Ao ser do 97, a mellor época do Dépor pillouno moi pequeno, como di. Pertence máis á era do barro, como se lle adoita chamar agora. Cal é o seu mellor e peor recordo como deportivista?
O peor téñoo clarísimo. O meigas fora. Foi fatal. O playoff co Mallorca. San Xoán, saín o día anterior a un festival e estaba supercontento, en plan vemos ao Dépor, tomamos algo, San Xoán espectacular... e acórdome de estar todos supertristes, sentados, sen ganas de beber, un bajón criminal. E o mellor… agora mesmo non sabería escoller, porque ao ser de Muros custoume moito vivir as grandes datas no estadio. O ascenso a Segunda púideno vivir sendo adulto, indo a bastantes partidos… Pero igual quedo co día que nos invitaron ao Palco de Honra, o ano do ascenso contra a Cultural Leonesa. Ese día para min foi moi especial. Acórdome que estaban Djalminha e Yeremay, que creo que estaba sancionado por acumulación de cartóns, e eu estaba como nunha tenda de caramelos. Só veu Xaquín comigo ese día e díxome: ‘Vai pedirlle unha foto a Djalminha’, e eu pensando: ‘Non, como o imos molestar, non podo molestar a esta lenda, como lle vou facer perder un minuto do seu tempo’ (risas).
Facer as previas cámbiache a vida. Ir a un partido e beber antes cos teus colegas, ao sol, en Riazor… esa previa non a comparo con ningunha outra que vivín na miña vida nun campo de fútbol"
Supoño que agora a axenda non lle permitirá ir tanto a Riazor.
Son socio amigo porque ao final as fins de semana é complicado. Ademais, vivo en Santiago, teño varios amigos que van desde alí, un que está nos Blues que sempre me invita. Pero fíxenme socio amigo porque non me podo permitir pagar o abono para despois ir ao final a tres ou catro partidos cada tempada. O próximo, que é contra o Mirandés, ao ser luns seguramente poida ir.
É dos que está ilusionado ou confiado, ou prefire ser cauto e non pensar moito na posible volta a Primeira?
A metade de tempada, cando se perderon un par de partidos seguidos, foi cando comecei a crer. Porque o ascenso a Segunda foi un pouco así. Co Dépor, sempre que nos ilusionamos, as decepcións son peores. Pero cando a metade de tempada tes un golpe de realidade, creo que toda a afección e o equipo se activan. Eu penso que aí é cando as cousas se fan. Este ano a metade de tempada viuse como baixaba a ilusión e eu pensei que se cadra isto servía para aprender. A pesar da lesión de Mella, de que Yeremay estivo ausente, o equipo respondeu gañando partidos, que non é doado. Cando se gañan partidos así, empátase un como o do Málaga, que era un partido complicado en casa, un empate que case soubo a vitoria, para min eses son os que marcan facer cousas importantes. Non quero dicir un ascenso, pero polo menos estar arriba.
Algún xogador do Deportivo declarouse fan de The Rapants?
Tiven a sorte de falar con Loureiro porque un amigo en común contoume que era fan. Cando eu xogaba ao fútbol, xogaba co 15, entón cando nos deron a camiseta do Dépor para tocar no Noroeste, preguntáronme que número quería e pedín The Rapants co 15. Despois regaleille aínda a un par de amigos a camiseta do Dépor con The Rapants e o 15 e o día que tocamos no Sar, que presentamos o disco, veu algún con ela. Entón, mandámoslle unha foto a Loureiro e a través dese colega mandeille un audio... moi bébedo (risas). A verdade que me respondeu moi cordial, díxome que lle molábamos, foi moi simpático. Aínda non o coñezo en persoa e estouno desexando. Eu tamén son fan do seu fútbol. Non teño constancia de que ningún máis siga a The Rapants.
A que xogador lle escribiría unha canción de amor, de desamor, unha de amizade e unha de batalla?
De amor a Yeremay, unha de desamor… pode ser a un adestrador?
Si, claro.
A Seedorf. De amizade veña, a Loureiro. E de batalla a Altimira, que esta segunda metade de tempada está a tirar do carro que flipas.
E cal cre que acabaría nun concerto voso subido ao escenario?
Tenme pinta de Quagliata, out the context perdido, sen entender nada (risas).
Segue outros deportes máis alá do fútbol? O Liceo, por exemplo, utiliza moito a vosa música, tanto para a comunicación en redes, como no propio vestiario. En máis dunha ocasión confesaron que en momentos importantes soa ‘O avión’ de The Rapants.
Si. De feito, fun velos hai uns anos con Samu. Este ano temos moitísimas ganas de ir, pero aínda non puidemos cadrar por horarios. Ademais, temos bastante relación con eles porque Samu e Matías xogaron ao hóckey toda a vida e sempre foron afeccionados. Samu ten moi boa relación con Dava e foi algunha vez máis ca min recentemente. Ao final é o club máis laureado de Galicia, entón faltaría máis.
E no privado, queda tempo para practicar deporte na súa vida?
Ata a fin de semana pasada, o que tocamos no Sar, tivémonos que poñer a dieta e facer unha rutina de exercicios todos, porque de tanto ensaiar non tiñamos tempo case para ver a luz do sol. Agora, nós que facemos surf, levamos dúas semanas espectaculares que fomos Cádiz a surfear. Tamén aquí na casa en Louro.
Normal, están a vivir un dos seus mellores momentos. Acaban de encher o Fontes do Sar, con máis de 5.000 persoas. Son conscientes do que están a conseguir?

Creo que non moito. Ao final, somos amigos desde pequenos, facemos isto porque nos gusta. Intentamos traballar e rodearnos de peña que é superprofesional, pero facémolo por total diversión. Entón, é moi emocionante, pero ao mesmo tempo pasa o día, quedas reflexionando, a peña diche: ‘Foi unha tolemia’. E nós é como: ‘Non sei, foi divertido’. Pero non analizas tanto a repercusión que tivo. Por exemplo, cando foi todo este show de redes, que ao final xurdiu dun reel dese día, concretamente, foi porque nos preguntaron que agora que encheramos o Sar, cal sería o noso seguinte soño ou un desexo que pediriamos. Eu pedín o do Dépor sen chegar a pensar que puidese ter esa repercusión. Estou a asimilar que as cousas que digo teñen esa repercusión.
É que van xa polo cuarto disco, como están a vivir esta nova etapa de 'Rapants Club'?
Moi ben. Porque nós sempre arriscamos coas gravacións. Este foi o disco ao que máis tempo lle poidemos dedicar porque deixamos de traballar todos para dedicarnos a isto. Pensamos que para nós o disco molaba e que conseguíramos o que queríamos, pero ao haber un cambio moi grande, tiñamos dúbidas de se a xente o aceptaría e lle molaría. A primeira semana tivemos algunha dúbida, pero está claro que á xente lle encantou e estánnolo facendo saber con cousas como a de Sar, que foi unha animalada.
Quagliata ten pinta de que acabaría un concerto subido ao escenario con nós, aí sen entender nada"
Agora vén a época dos festivais, momento de gozar aínda máis se cabe.
Empeza o guay, que é ter libre entre semana e só traballar as fins de semana. É como a vida de futbolista (risas). Perdes a finde, pero pola semana estás a facer o que che gusta, que é ensaiar. Estaba desexando que empezase este momento, porque co tema da promoción do disco, ensaiar, preparar o directo… estabamos bastante angustiados.
Hai xa novos proxectos en mente ou é momento de pasalo ben?
Agora temos que descansar, despexar a cabeza. Despois de todo o apertón mental de compoñer e ensaiar... pero nós non paramos de facer música, que é o que máis nos gusta. Así que co tempo aparecerá un que ten unha canción, outro que ten outra… sempre funciona así.


