
Rodrigo Vázquez: "Ser deportivista axuda a levar os desgustos da vida doutra maneira"
Xornalista, galego e moi do Deportivo. O presentador de 'El Cazador' e 'Saber y ganar' repasa a súa traxectoria e o seu amor polo club coruñés, dende "o corazón de Scaloni" ata "a maxia de Yeremay"
Ourensán de nacemento, pero afincado na Coruña e co corazón branquiazul grazas ao seu avó. Rodrigo Vázquez (Ourense, 1987) estudou xornalismo na Universidade de Santiago e curtiuse durante máis de catorce anos na Televisión de Galicia. En 2022 recibiu a chamada da TVE para presentar o concurso El Cazador e, tres anos despois, compaxina o concurso na primeira canle con ser o substituto de Jordi Hurtado no mítico Saber y ganar as fins de semana.
Un xornalista séntese estraño cando lle fan entrevistas?
Estou máis habituado a facer eu as preguntas que a ter que contestalas, pero non, enténdelo. A entrevista é un xénero moi fermoso xornalístico que vai entre dous, a medias. Depende moito doutra persoa e o que che conteste. Tamén as gozo.
Cando empezou imaxinábase que ía estar facendo o que está a facer agora?
Non, seguramente non. Igual máis pegado a informativos, presentando, dirixindo un telexornal, pero o de ir a programas foi un pouco por circunstancias. Estudei xornalismo, gustábame moito a información, despois descubrín o mundo do entretemento e agora estou moito máis contento e agradecido.
Gústalle máis?
A ver, se tivese que volver, volvería. O xornalismo pódelo exercer de moitas formas, pero o ámbito do entretemento si que che permite xogar moito co xénero televisivo, aproveitar todas as posibilidades que che dá o medio. Digamos que é un campo máis aberto. Gústanme os dous ‘mundillos’, pero no que estou, estou moi cómodo.
Dende os seus comezos en 2008 ata fai apenas tres anos, sempre estivo moi ligado á Televisión de Galicia. Pero un día chega a chamada da Televisión Española. É difícil voar de casa?
En Galicia estou moi a gusto e sigo vivindo aquí, na medida que podo compatibilizar proxectos e poder traballar en Madrid ou en Barcelona con outros equipos e con outra xente, pero sempre tento volver pasar tempo na casa, sempre é de agradecer. Simplemente foi unha oportunidade profesional diferente naquel momento. Fíxome moi ben como profesional, todo o que aprendín e todo o que son, débollo por suposto aos meus pais, aos meus amigos, á xente, pero á Televisión de Galicia fundamentalmente, que é onde me criei como escola. É unha boa escola se de aí podes saír a nivel nacional noutros formatos e noutros concursos. Estou moi agradecido á Televisión de Galicia e, por suposto, á Televisión Española pola oportunidade.
Ou sexa que a pesar de traballar fóra vive na Coruña?
Si, sigo vivindo na Coruña. Desde 2020, antes de marchar a Madrid, tiña residencia na Coruña. Ás veces paso tempadas máis grandes fóra de casa ou menos, pero si que quero que sexa o meu punto de regreso. Está moi ben ir a moitos sitios, pero máis importante é ter onde volver e na medida do posible quero que o meu lugar de volta sempre estea en Galicia. A miña casa está na Coruña, e por traballo pódome quedar fóra unha semana ou o tempo que faga falta, pero onde teño as miñas sabas, as miñas toallas, a miña cafeteira, o meu armario completo é en Galicia.
E cal é o seu sitio favorito da cidade? Para desconectar ou para comer.
Gústame moito cando o paseo marítimo está baleiro de madrugada, entre semana. Vou a pé ou en bicicleta. Coa moto non porque non escoitas o ruído das ondas, pero cando paseo en bicicleta ou a pé e escoito as ondas, o mar, o faro iluminando… a min ese paseo encántame, tanto para ir de noite como de día. De volta cara o estadio tamén, indo cara a Riazor. E para comer O Cabo se che gusta a tortilla, e Casa Ponte tamén é dos meus favoritos.
Ser o substituto de Jordi Hurtado podería ser como ser o substituto de Mauro Silva?
Non, porque nin Mauro ten nin terá substituto na vida, seguro, e Jordi é o mesmo. Ninguén é substituíble nese caso. Cada profesional que está no seu posto de traballo dálle, queiras que non, un toque, é moi diferente. Nunca vas poder imitar a alguén nin como Jordi, nin como Mauro. A ser nós mesmos ninguén nos pode gañar, se tentamos ser a “versión de…”, nunca imos chegar nin a estar preto desa versión que queremos imitar. É bo ter referentes, pero nunca para imitalos, porque nunca vas chegar a ese nivel. Cada un ten que seguir o seu propio camiño e xogar coas súas propias fortalezas e debilidades o mellor posible.
Cando un presentador leva tanto tempo nun sitio, a maioría da xente xa non concibe ese programa sen ese presentador. Ten que ser un orgullo que o elixan para ocupar un lugar, aínda que sexa as fins de semana, que sempre foi dunha persoa.
Máis que como un reto, tómoo como unha oportunidade de confianza. En televisión para tomar unha decisión teñen que estar moitísimas persoas de acordo, e como unha soa non estea de acordo, xa se vai todo para atrás. Que se poña de acordo tanta xente para abrirme a porta do Saber y Ganar, o que significa ese programa como marca en si mesmo, o que significa Jordi como profesional pola súa traxectoria, que che abran as portas de par a par e que che permitan entrar na súa casa, ser un máis da familia, recibir aos concursantes… é unha mostra, sobre todo, de orgullo e satisfacción. De pensar que ata o de agora o fomos facendo máis ou menos ben para que esta xente teña esta confianza e diga: “Ponte aquí á beira de Jordi”. Tómoo como un eloxio, como algo moi fermoso.
E como xestiona mentalmente as expectativas que poidan ter de vostede ao ocupar o lugar dunha persoa cunha traxectoria tan longa?
Para empezar, estar pendente das redes sociais e ter saúde mental é complicado. Canto máis poidas tomalo con distancia, eu polo menos téntoo, creo que é saudable. Que a xente diga cousas é normal, pasa en todos os ámbitos da vida, pero tes que crer en ti mesmo como profesional, estar tranquilo co traballo que fas e facelo o mellor posible. Tamén é certo que a min isto non me colle de novas, xa levo bastantes programas. Nalgúns empecei eu, logo fixen outros proxectos e quedou outro compañeiro, noutros marchou un compañeiro e tocoume incorporarme a metade de tempada ou cando xa pasaron un par de tempadas do programa, entón enténdoo como un proceso natural e co tempo todas as persoas, ou todas as caras, van dando o seu toque.
Nos seus inicios tocou a rama do deporte.
Ao principio fixen de todo: deportes, información agraria, local… tocoume de todo. En deportes estiven algunha fin de semana e tocoume facer resumos de baloncesto, retransmitir partidos de fútbol, algún pé de campo... O xornalismo deportivo gustábame. De feito na facultade, na miña adolescencia e postadolescencia, a información deportiva era o que máis consumía, pero cando saes da facultade e comezas a traballar, o que queres, sobre todo, é seguir traballando. Tiña máis vías noutros campos que xustamente na información deportiva e foi por iso, pero a verdade é que me gustaba. Se tivese máis oportunidades igual si, quen sabe, pero xurdiron por outras vías, aínda que si que estiven moi cómodo na redacción de deportes da TVG.
Cunha axenda tan apertada, queda tempo para o deporte na súa vida?
Si, si, agora case por saúde. Porque se non me movo dóeme moito o lombo (risas). Sempre fun moito de deportes de raqueta. Fútbol e fútbol sala sempre xoguei, pero correr detrás dunha pelota cústame un pouco, agora gústame máis pádel ou tenis que é o que máis fago, e algo de ximnasio, pero non me gusta nada. Odio o ximnasio, pero polo menos cada dous días media hora ou 40 minutos, para facer algún exercicio de lombo e fortalecer non me vén mal para aguantar tantas horas de pé. Que tampouco é unha escravitude, pero o lombo ás veces reséntese así que hai que estar un pouco en forma.
En que equipo xogou ao fútbol?
Ata cadetes máis ou menos no equipo de fútbol sala do colexio, xogabamos contra outros colexios a nivel provincial.
Vostede é deportivista confeso. Botando a vista anos atrás, parece que agora está máis normalizado que os xornalistas desvelen de que equipo son.
É que tradicionalmente aquí en España sempre houbo un pouco iso… noutros países non é así, noutros países de Europa. Pode haber outros sectores, pero si que a prensa ten a bufanda máis afastada. Eu distingo tamén moito o que é o deporte local do deporte nacional, porque é máis que evidente que a maioría de xornalistas que están na súa cidade son dese equipo e se non o son tampouco o van dicir evidentemente. Ás veces creo que pode ser negativo porque separa un pouco a obxectividade ou a profesionalidade, e estar demasiado preto do protagonista e da noticia pode facer que ás veces non se fagan as críticas que se teñen que facer ou se fagan doutra forma. Ao meu gústame máis un xornalismo sen bufanda, máis serio e obxectivo. Seguramente se me dedicase aos deportes, aínda que a xente ía saber porque me ían ver no estadio, sería absurdo ocultalo, pero creo que se pode ser dun equipo e facer unha boa información deportiva. Refírome máis ao tertuliano de camiseta que xa sabemos antes de que se lle faga a pregunta o que vai opinar sobre a xogada e do equipo contrario. Creo que ese non é un debate enriquecedor, é un debate que entretén, pero que creo que non che fai ir máis aló, nin analizar as xogadas ou o que é en si mesmo o deporte. Ás veces convértese nun show de opinións polarizadas que tamén reflicten un pouco a sociedade na que vivimos e a política, pero que non é positivo para o xornalismo.
Vostede sempre que pode nos seus programas solta algo referido co Deportivo.
Porque me poñen as preguntas e claro… (risas). E que o Dépor é moi coñecido, entón sempre hai algunha pregunta. O outro día estaba a ver un programa da televisión aragonesa e preguntaron quen foi o brasileiro que xogou non sei canto tempo no Dépor. Era Mauro Silva. Non me poñen as preguntas porque sexa do Dépor, o Dépor sairía igual aínda que o presentase outro. Pero claro, se sae algo do Dépor, pois algo sempre teño que achegar ou algo me vén á cabeza. Pero non é forzado, nin buscado, nin nada. O Dépor é importante e tamén sae, e se eu estou alí, pois algo direi.
É que ao final o Dépor estivo moito tempo no barro e dalgunha forma é importante lembrar o que foi. Hai nenos que se sorprenden ao falar do Dépor xogando en Primeira División.
Non, claro… xente máis nova, que ten dez, once, doce, catorce anos… os seus recordos do Dépor son moi diferentes aos que temos os que vivimos a época dos 90. Pero bo, creo que aí hai un labor familiar, non só de familia, mesmo de afeccionados, que haberá nenos que non lembren a Mauro, pero que o seu pai, a súa nai ou o seu avó contáronlle a historia do equipo, de onde vén. Iso tamén é bonito, transmitir o legado, acordarnos de que a historia do Deportivo é moi ampla, non se reduce a cinco anos igual que tampouco só aos títulos. Ten altos e baixos como o que é a vida e paréceme unha forma positiva de integrar iso no teu día a día, porque non todo son vitorias nin todo son fracasos, ás veces hai que ir chegando a puntos mellores dos que estás. Ás veces parece que está todo para ti e caes, e ás veces parece que non e de súpeto, saes. Axuda a levar os desgustos da vida dunha mellor maneira, creo que ser deportivista tente moi afeito a iso.
De onde nace o seu sentimento polo Deportivo? Porque é de Ourense alí a xente adoita tirar máis cara ao Celta, non?
Moita xente de Ourense, polo menos cando era máis nova, veraneaban ou tiñan familias que moita dela estaba en Vigo, queda moito máis preto que Coruña. A min vénme polo meu avó. Cando era pequeno un tío da miña familia regaloume, case recentemente nado, o equipamento do Real Madrid. O meu pai non quería que fose do Madrid porque el é do Barça, e ao día seguinte regaloume o equipamento do Barcelona. Claro, eu estaba aí nun sen vivir, en plan, se poñía unha, poñía a outra, non poñía ningunha… pregunteille ao meu avó e díxome: “Esquécete, ti tes que ser dun equipo galego, dos nosos”. E claro, eu nacín en 1987, pois esta pregunta xurdiu no 1992-93, que seguramente era unha época moi fermosa na que o Deportivo estaba a vivir cousas que nunca viviu, iso un pouco axudou. Foi unha elección que fas de neno, pero despois por mor de poder vir ao estadio, facerte maior, de ir máis continuamente, xeras ese sentimento de pertenza de vir a Riazor que a min é do que máis me gusta, e é algo que sigo apreciando, valorando e que me gusta máis día a día.
Levábao seu avó ao estadio?
Que va, se o meu avó nin era do Dépor. Foi unha reflexión de señor maior, de sabio como Arsenio que dixo: “Neno, ti tes que ser dun de aquí, que fas sendo ti do Madrid nin do Barça, esquéceo”. Pareceume lóxico, tiña moito máis sentido ser dun equipo de aquí que de alá.
O Deportivo contou con vostede para presentar o Dépor Training Center. Supoño que é reconfortante que o club da súa vida conte con vostede para lanzar un proxecto tan importante.
Si, o evento foi moi fermoso, tamén polo que significaba. Esa cidade deportiva, ese investimento que quere seguir traballando coa canteira sen perder de vista a nosa identidade. Creo que pode ser un bo piar para o Deportivo dos próximos anos. Alí viamos a Yeremay, a Barcia, seguro que dentro de 15 anos haberá algunha foto daquel acto e verás algunha cara dalgún neno pequeno que non sabemos como se chamaba, pero que seguramente igual estea a levar o oito, o dous ou o catorce xogando en Riazor coa camiseta do Deportivo. É fermoso polo que se planta para o futuro, foi un orgullo poder presentalo.
Ese día puido estar preto dos rapaces, como os está vendo? Hai debilidade por algún?
Teño debilidade por todos. Queiras ou non, aos da casa sempre lles perdoamos un pouquiño máis, aínda que algunhas veces tamén lles esiximos un pouquiño máis. Temos que ser conscientes da idade que teñen no carné, porque ás veces vémolos no campo, lonxe, e parecen homes feitos e dereitos que viñeron de gañar guerras, pero veslles a cara e no fondo son nenos, que teñen un talento e un físico brutal, pero que hai que saber coidalos, arroupalos e darlles a axuda, a base e o tempo ás veces necesario para que vaian crecendo. Téñense que equivocar e ir crecendo xunto a eles. Sobre todo iso, ao velos máis de preto vin que eran máis novos do que parecían no campo, e iso que no campo ás veces téñoos visto moi de preto, pero realmente son nenos xogando a un deporte de homes moi grandes e creo que temos que ser todos conscientes, a afección, de apoialos e darlles a paciencia suficiente para que ano a ano vaian mellorando.
De feito, Yeremay falou hai pouco de que lle custou moito xestionar todo o ruído deste verán.
Yeremay… hai moitísimos anos que non lembro esa maxia, eses destellos que deixa en cada partido. Oxalá poder seguir gozando dun xogador do seu talento, véselle moi comprometido co club. Non ten que ser fácil á súa idade xestionar todo o que está a xestionar e creo que ten moito mérito. Estou convencido de que día a día vai ir a máis, que o seu rendemento vai ir a máis tempada a tempada e simplemente que el goce. Se el goza no campo e co balón, imos gozar todos. Se goza na Coruña, porque coa pelota sabemos que goza, vai dar moitas alegrías. Oxalá que se poida seguir dando tempadas e tempadas e que podamos facer un proxecto gañador ao seu redor para que se poida ver en Primeira e apetézalle seguir facendo historia co Deportivo.
Di que hai moitos anos que non vía un xogador con eses destellos en Riazor, cal foi o seu primeiro Deportivo?
O SuperDépor lémbroo máis de neno. A Copa do 95 recordo que gañamos, lembro o gol de Alfredo, a choiva… pero tácticamente non. Apreciei moito máis a Bebeto con 16 anos véndoo en vídeo que en directo con oito ou con nove anos. O Deportivo que eu vin como unha máquina engraxada, feita para gañar e para competir, para min o Dépor de Irureta era brutal. Os xogadores que tiña, desde a calidade que había arriba con Tristán e con Makaay, a maxia de Valerón, o traballo e a intelixencia de Mauro, a capacidade que tiñamos en todos os laterais cumpridores. Había xente que era todo corazón como Scaloni e xente como Capdevila que empezou de suplente e acabou sendo campión do mundo e tivo que estar moitos anos sendo o segundo tendo un talentazo brutal. Creo que Irureta foi capaz de facer unha máquina nese 4-2-3-1 que era unha gozada ver xogar a ese Dépor e velo competir por Europa, en finais… Ese Dépor foi o máis perfecto como equipo que eu vin. A Copa do Rei foi no 95, eu tiña oito anos, pero a partir de aí, finais dos 90, si que o lembro xa por cromos, chaparme as Liga Marca…
Que consello lle daría a todos eses rapaces que veñen detrás para que sigan pelexando por estar no Deportivo e que non se baixen polo feito de non estar en Primeira División.
O mesmo consello que lle daría a calquera que lle veñan mal dadas na vida. Hai que seguir tentándoo e pelexando, hai veces que querer non é poder e hai xogadores que teñen moitísimo talento e ás veces non chegan. En cambio outros xogadores con menos talento, pero moita máis disciplina poden chegar. O tema non é ser o mellor con oito, con trece ou con vinte anos, o ideal é que sexas un pouco mellor do que eras a tempada pasada ou do que eras onte. Cando tes esa autoexigencia que parte de ti mesmo, o resto de críticas e presión tamén se reducen porque ti es o primeiro que che autoexiges. Vas polo teu carril, non estás a mirar a ninguén, ti problema é contigo mesmo, tentar ser mellor, non renderse. Se o día de mañá non chegades, pois poder pensar: “Pois non cheguei porque non valía ou polo que sexa, pero que non fose porque non o tentei”.
Confianza plena en que este equipo pode ser de Primeira División o ano que vén, seguro"
E non sempre ter que saír do Dépor é sinónimo de non chegar ao primeiro equipo nalgún momento. Temos o claro exemplo este ano no plantel con Loureiro.
É que o Dépor é moi apetecible para moitísimos xogadores. A min tamén me gustaría xogar no Deportivo, xa nin o tentei, non estaba nesa base. Si que é moi agradecido cando, sobre todo en casos como o de Loureiro, que a parte a min o seu carácter encántame, onde o poñas é un valor seguro, paréceme un 'fichajazo' para a defensa brutal, pero seguramente xente como el valora moito máis o que conseguiu. Ás veces o camiño e os obxectivos non chegan en liña recta, chegan de forma diferente. Ás veces o punto máis curto non é a liña recta e chega cando chega. A vida dos xogadores é moi cambiante, se pode estar aquí, encantados de que estea, e se non estivese no Deportivo sería un grandísimo xogador como era a tempada pasada, pero eu creo que el goza especialmente de verse xogando en Riazor os domingos e oxalá o poida seguir facendo.
Nunha entrevista connosco falando da esixencia da afección do Deportivo, Loureiro dixo que considera que chegou aquí no momento exacto para poder soportar a presión.
Seguro. Cando saen e se curten, aparte de que tamén ven que o foco non está tanto sobre eles porque ser da canteira e chegar ao primeiro equipo, queiras que non sempre hai unha luz encima de ti. Se xogas porque acertaches e es boísimo, e se non estás a xogar porque “uf, que pasa con este mozo”. Entendo que senta que vén coa 'mili' feita, xa sabe o xogador que é, as súas posibilidades, o que ten que achegar e creo que iso tamén axuda a contrarrestar a presión.
Vostede é socio do Dépor?
Non.
Pero vai a Riazor sempre que pode.
Si, si. A Riazor si.
É dos que sofre moito?
Depende do día e do partido, de como me colla. Non son dos que non cea ao chegar a casa se hai un mal partido, comer hai que comer. Pero se que ficas un pouquiño máis amolado ou un pouquiño máis contento. O paseo de 20-25 minutos ata casa pois si que o fas con máis alegría ou con menos ledicia. Todo pasa, evidentemente. Non vivo directamente disto, non pode custarme a saúde, pero cando a fin de semana empeza en venres con día de partido e ganas 3-0, dis: “Ostra, que bonita fin de semana”. Se é domingo e empatas: “Ostra, que mal empezou o luns”. Tentamos que non moito, pero algo si que afecta, algo si que trastorna as emocións.
Haberá ascenso este ano?
Si, a ver, o ascenso é moi complicado, queda moitísimo. Vai haber momentos no que pareza que estamos ascendidos, como xa pasou, e haberá momentos nos que vai parecer que non imos ascender. Segunda é longuísima, e eu creo que temos moi bos mimbres. Se imaxinamos a todos os xogadores dando o seu 100%, somos un plantel candidato ao ascenso. O míster tamén está a inculcar certas cousas de carácter que nos van facer ben. Non digo tanto agora, senón cando vaia avanzando a competición. Se conseguimos un vestiario unido, que estean todos a un tempo e que saiban sufrir xuntos, ese carácter, ese "colmillo" que lle mete Antonio Hidalgo, pode ser positivo para cando cheguen os partidos de verdade. Cando falten seis partidos e esteamos pelexando se playoff ou ascenso, cando esteamos onde esteamos pero nesa recta final, si que se vai notar moito máis a presión e ese traballo que vai facendo Antonio dará os seus froitos nese tramo final de tempada. Aí teñen que chegar os xogadores, vai haber xeiras para arriba e para abaixo, pero confianza plena en que este equipo pode ser de Primeira División o ano que vén seguro.
