Loureiro: "Non podemos caer no pesimismo porque che metan tres goles"
O xogador de Cerceda repasa como está reaccionando o Dépor á primeira derrota da tempada

Buscar o equilibrio. Niso se resume a análise que Miguel Loureiro fai da derrota do Deportivo en Málaga. Tanto no campo, para continuar mostrando a solidez que o equipo tivo nas primeiras xornadas, como tamén fora, para evitar reaccións esaxeradas ao primeiro contratempo da competición:
Partido de Málaga: "Xa tivemos unha sesión de vídeo para ver un pouco os erros que cometimos e facer análise completo, non só das cousas que se fixeron mal, se non tamén das positivas en 90 minutos. Eso xa forma parte da primeira parte da semana, agora xa estamos centrados no partido do Racing. Hai que prestar atención no aspecto defensivo, non cometer erros. É algo moi importante ser sólidos e conceder pouco. Non foi o noso mellor partido e temos que tratar de estar fortes de cara o próximo fin de semana. Hai que analizar, pero na segunda parte da semana hai que incidir no que ven".
Posición: "Cada semana o míster ten unha idea do que pode pasar. Ten un plan de partido e en base a iso traballamos durante a semana. Tratará de probar cousas, ver o que pode ser mellor e decidir. Eu estou aberto a participar onde o equipo o necesite e con ganas de sumar onde sexa".
Máis cómodo: "É moi complicado analizar. Cada partido é diferente. A pesar de partir dunha posición, o partido pode levarte a cousa diferentes. Empezar de lateral e acabar xogando de terceiro central, outros días máis gañando altura por fóra… depende. Estou cómodo en todas as posicións, son postos non descoñecidas para min. Véñoas facendo, teño características determinadas, todos sabemos cales son a estas alturas. Dependendo de como sexa o perfil de futbolistas vai ter unhas virtudes ou outras. Estou cómodo en todas, intento adaptarme, é algo importante que temos que facer os futbolistas. Cantas máis cousas saibamos facer, máis opcións temos de estar no campo".
Joaquín, rival en Málaga: "Eu penso que moitas veces tratamos de facer análises e somos un pouco resultadistas. Non creo que fose porque me coñecera. Cando o equipo perde 3-0 é mais complicado que desde fóra se vexan cousas positivas. Sempre tratamos de sacar esa lectura de que o rendemento de todos foi peor. Fixen moitas veces esa posición, non creo que xogar contra alguén que xa coñecía me afectase. Tíveno que defender moitas veces e debería ser incluso unha vantaxe. Pero os rivais tamén xogan, eles empezaron o partido moi ben, Puxéronnos as cousas difíciles e en momentos determinados non tivemos ese punto de acerto que necesitabamos para darlle a volta".
Líder na defensa: "Ao final penso que aquí había xente con experiencia, moitos partidos na categoría e para nada me toca. Cando se me pregunta, pola miña forma de ser, de xogar, si que son un xogador intenso que penso que pode contaxiar enerxía aos compañeiros e se pode ver esa especie de liderado, pero non é algo que force nin trato de buscar. Todos desde atrás somos os que temos que falar, ordenador ao equipo e todos tratamos de facer. É algo bastante importante dentro dun equipo".
Barcia: "Con Dani, somos familia como el dixo e temos unha relación moi boa con el. Un rapaz estupendo Desde a miña posición trato de axudarlle, ten unhas condicións e unha proxección brutal, e estanos dando moito. Unha capacidade para sacar o balón, envergadura e capacidade para gañar duelos… ten que ser futbolista importante. Enténdome ben con el dentro e fora levámonos moi ben. Atopeime moi cómodo dende que cheguei".
Fraxilidade: "Cada partido é diferente e en cada encontro hai cousas diferentes. En Málaga penso que eles saíron moi fortes, coa necesidade que tiñan na casa. Xeran o primeiro gol, pero tampouco teño a sensación de que estiveran xerando moito perigo. Cando máis nos xeran é cando decidimos ir a pola remontada, que aí o partido rómpese. Teñen xogadores determinantes nese tipo de xogo, pero ata ese momento, quitando esas dúas accións, nas que no tivemos acerto e incluso foron desafortunadas, con varios rebotes...penso que o equipo non estaba mal".
Primeira semana complicada: "Moi parecida. As análises que se fan cara a fóra teñen pouco que ver. Igual que cando os resultados saían e estabamos nunha boa xeira todo era optimismo, había que poñer ese freo. E digo por fóra, porque dentro somos plenamente conscientes da complexidade da competición. Entón temos unha gran vantaxe se non perdemos o foco. A semana está sendo parecida ás demais. Na primeira parte tratando de corrixir erros. Porque nin cando gañábamos tiñamos que deixar de facer isto. E esta seman igual. Hai que prestar atención aos erros e sacar lecturas positivas, non caer no pesimismo porque che metan tres goles e sexa unha derrota dura. Somos conscientes da dificultade da categoría, de que o rival xoga e que temos que ser capaces de sobrepoñernos a todo iso. A parte mental é moi importante para o éxito dun equipo. Estamos na iña correcta e estamos con gañas de que chegue a fin de semana".
Racing de Santander: "É un rival moi perigoso, con futbolistas dos máis determinantes da categoría. Teremos que prestar atención, ir aos detalles dos que sempre fala o míster. Son capaces de ocupar posicións, quedar descolgados, detectan ben as debilidades e será partido de estar moi concentrados. Hai que tratar de que eses futbolistas determinantes teñan xente encima, que non teñan tempo para pensar, porque cando o teñen son capaces de atacar espazos. Na parte de arriba sobre todo teñen moitos recursos e moi diferentes. Nós aí temos que encontrar o equilibrio e a solidez. Pero sabendo que temos un montón de armas ofensivas e tamén capacidade para facer dano. Imos a Santander con moitas ganas. Somos un equipo forte e vímolo demostrando desde o inicio de temporada”.


