Mi cuenta

Las notificaciones están bloqueadas. ¿Cómo desbloquear?

Mi cuenta

Las notificaciones están bloqueadas. ¿Cómo desbloquear?
Miguel Loureiro posa para DXT Campeón en Abegondo
Dépor

Miguel Loureiro: "Nunca chegas a crer que podes ser parte do Dépor"

O futbolista de Cerceda repasa os primeiros meses no club da súa vida e o camiño que lle fixo chegar a Riazor no momento óptimo de madurez 

Jorge Lema
08/10/2025 23:34

Leva só uns meses no Deportivo, pero xoga e, sobre todo, fala como se fose un dos capitáns. Miguel Loureiro (Cerceda, 1996) cumpriu o pasado verán o soño de volver a casa e poñer a camiseta do equipo da súa vida despois dun camiño cheo de dificultades para asentar no fútbol profesional. Non o lamenta, porque el mesmo recoñece que a oportunidade lle chega no momento xusto para gozar ao máximo.

Acostúmase un a ser xogador do Dépor ou aínda hai mañás que tarda un segundiño en acordarse?

A verdade é que tento valoralo día a día. É certo que xa estás metido na rutina, isto vai moi rápido, é unha pasada o mundo do fútbol. Parece que foi onte, pero xa levamos dous meses de competición. Vaste metendo un pouco nese día a día e ás veces é complicado valorar onde estás o que tes e onde estás. Pero é certo que cada 15 días ir a Riazor e ver o ambiente, ver alí a toda a túa familia e os amigos, axuda moito. Estou moi feliz, moi contento e gozando un montón desta oportunidade.

Como foi o primeiro contacto e, sobre todo, cal foi a súa reacción?

Obviamente foi de sorpresa, pero ata certo punto. E sobre todo de ledicia. Para min é unha honra, un orgullo que un equipo coma o Dépor mostre interese en min. É certo que o ano anterior, non sei se chegou a haber contactos, pero si que sabía que podía chegar a darse esa posibilidade. Pero non é algo que esperes, aínda que tentas ter esa ilusión de fondo. Nuncha chegas a crelo de todo. Sempre o digo. Para min, polo que vivín de pequeno, pola dimensión que ten o Dépor, nunca chegas a crer que poidas formar parte disto. Cando xa estás aí e contactan contigo, a ilusión é tremenda e recibino con moitas gañas de que existise a posibilidade de chegar a un acordo. Sabía que era difícil, sabía que non ía ser sinxelo porque o Huesca contaba comigo e transmitíame que era unha peza importante no seu proxecto. Pero eu sabía que quería estar aquí e quería vir. Estou superagradecido ao Dépor e, en certa medida, tamén ao Huesca por permitirme estar aquí.

Loureiro Entrevista

E a reacción dos seus pais ao dicirlle que volvía a casa?

Tardei en dicirllo, sinceramente. Porque sabía o difícil que ía ser e non quería crearlles falsas ilusións. Pero cando vin que a posibilidade era máis real, comenteillo e puxéronse moi contentos, pero tamén foron cautos, porque xa saben como vai o fútbol despois de tantas voltas que din. Meu pai xogou ao fútbol e xa sabe como funciona todo. Creo que están gozando eles tamén. Tampouco é que teñan outro ocio que non sexa verme as fins de semana xogar ao fútbol. Creo que para eles, ir a Riazor cada 15 días é unha oportunidade tamén para ver a familia, xuntarse… é unha forma de gozar do fútbol que creo que os fai moi felices.

Estes días falouse moito do Dépor Training Center e de figuras como Barcia ou Yeremay, que percorrer todo o camiño da canteira ao primeiro equipo… pero chegar da forma que chegou vostede tamén debe ser un orgullo e, dende logo, un exemplo para os máis pequenos…

Penso que é un bo espello no sentido de que no fútbol, cada un ten o seu camiño. Non todos temos o talento ou a fortuna. Hai mil factores que inflúen no poder chegar ou non. O ideal é ese de Barcia ou Yere, xente que estivo aquí dende o principio, que tivo a sorte de medrar nunhas condicións inmellorables e que tivo esa capacidade de aproveitar a oportunidade no momento no que lle chegou, que tamén é difícil. Vendo Abegondo, non hai mellor sitio para estar que o Dépor. O club está traballando moito para darnos todas as facilidades. Eu, que estiven fóra, valoro iso un montón porque non é habitual. A pesar de ser fútbol profesional, non hai moitos clubs en Segunda que poidan dispoñer disto. Pero é certo que creo que tamén a nivel humano e a nivel de formarte como persoa, creo que axuda un montón. Ao final, tes que aprender a asimilar situacións, a saber que determinadas decisións non tomadas por ti e que non esperabas tamén inflúen, e fante madurar e medrar como persoa.

E acaban sendo decisivas…

Foi o camiño que me tocou a min e estou moi orgulloso del. Creo que tanto a nivel futbolístico como a nivel persoal, axudoume moito. Permitiume coñecer xente moi especial que hoxe podo dicir que son meus amigos. Coñecer lugares diferentes e chegar aquí no momento xusto. Que si considero que teño a madurez necesaria para poder estar gozando de Riazor sen que iso me supoña un nivel de presión para o que noutro momento da miña vida ao mellor non estaba preparado.

Cheguei no momento xusto, coa madurez necesaria para gozar de Riazor sen que iso me supoña unha gran presión"

Como xestiona un ser rexeitado cando é un neno que, estando no radar de Dépor e Celta, obviamente estaba entre os mellores da súa idade?

Volvemos ao de antes. Hai moitos factores que inflúen, pero creo que o máis importante de todos é o ambiente no que madures. Creo que tiven a sorte de ter uns pais que dende o principio tiveron moi claro cales eran as bases que querían que eu seguise na miña educación, sobre todo priorizando o tema dos estudos. Que o deporte fose algo complementario. En ningún momento me fixeron ver que o meu camiño era o de ser futbolista profesional. Creo que ti, como neno, podes ir ao estadio e pensar que queres ser coma os que están xogando, pero tampouco chegas a interiorizar tan cedo ese camiño. Vas ao estadio e podes pensar. Vas pouco a pouco, gozando e levando as cousas con máis calma. O non, obviamente non é fácil de xestionar, pero creo que máis polas implicacións que ten de deixar de ver aos teus compañeiros. Estante rexeitando e tes que encaixalo, pero non tanto pola parte de velo como que xa non vas ser futbolista profesional. Cando van pasando os anos, cando xa sentes máis cerca que podes chegar a dedicarte ao fútbol, xa es máis maduro e xa ves tamén a cara máis amarga. Aí é máis complicado dicir, ‘veña, vou seguir empurrando’. Porque xa tiveches a oportunidade. Eu, por exemplo, con 20 anos teño a oportunidade no fútbol profesional e non consigo establecerme. O máis sinxelo sería dicir, 'vale, tiven a opción e non conseguín aproveitala, entón déixome levar'. Pero todo o contrario. Creo que se o enfocas da maneira correcta, tes o espírito e a forza, e as ganas… a min iso venme tamén un pouco de familia, que sempre me inculcaron esforzarme ao máximo, tratar de dar o mellor de min en calquera cousa. Sobre todo por min, non polos demais. Iso deume enerxía para seguir, para saber que eu podía estar aí.

Tamén é importante o que comentaba de ter un plan B, como dicía. No seu caso, estudos universitarios.

Si, pode axudar. Cada persoa é diferente, cada persoa ten o seu camiño. Falando dende a miña perspectiva, onde me criei e o ambiente no que medrei, entendo que non todos teñen as mesmas circunstancias. Hai condicionantes familiares, sociais… que poden determinar moito neste sentido. Pero eu creo que é importante e que axuda. Axuda, incluso en moitas ocasións, a desconectar. A non estar todo o tempo pensando en fútbol. Penso que o feito de estudar dáche capacidade para analizar e resolver situacións. O feito de estudar dáche unha base para enfrontarte á vida en xeral, pero tamén ao fútbol. Todo o que pode vir ao redor, o tema económico, calquera tipo de situación no persoal… xa non só os estudos, o feito de ter inquietudes ou interese por desenvolverte como persoa, por aprender… iso proporciona ferramentas para afrontar todas as situacións que poden vir orixinariamente do fútbol.

Hai tempo para manter esas inquietudes unha vez acadado o máis alto?

Si, si, por suposto. Creo que unha vez que te acostumas, tamén forma parte xa da túa vida. A min gústame ler e teño interese por moitas cousas. Son unha persoa inquieta. Gústame aprender e saber de todo. E vai por momentos. Hai momentos nos que non estás lúcido ou que non tes a cabeza tan ben, ou nos que non te atopas ben. Pois aí si que costa centrarte un pouco máis en ler, ou tes menos capacidade de concentración. Pero no día a día gústame dedicarlle tempo á lectura e a outras inquietudes que teño porque creo que son achegas importantes para a miña vida.

Nun vestiario nótase moito ese pedigree dos xogadores que veñen de canteira de sempre ou de portas cara a dentro son todos iguais?

Hai diferenzas e nótanse. Aínda que creo que a idade niso é un factor moi importante. Creo que é o que máis determina. Cando chegas a certa idade xa viviches todo o tipo de situacións e xa tiveches que asimilalas, xa tiveches que encaixar diferentes momentos de non xogar, momentos nos que consideras que estás vivindo unha situación inxusta… e ter que levar todo iso e adaptarte. Pero si que é certo que nos futbolistas máis novos quizais é onde máis se nota. A xente que ao mellor tivo un camiño máis ‘fácil’, por dicilo así. Máis normal. Chegan momentos para os que non está preparado ou nos que igual pode chegar a confundirse da realidade das cousas. Do ‘fácil’ que pode ser. Os que tivemos outro camiño algo máis tortuoso creo que xa vimos con máis calo. Adoitas relaxarte menos, adoitas ser máis cauto e máis prudente. Pero como na vida, non?

Os que tivemos un camiño algo máis tortuoso xa vimos con máis calo, adoitamos relaxarnos menos e ser máis cautos"

No seu caso, nese camiño tortuoso, recorda o momento no que fixo clic? No que soubo que xa ía poder vivir disto?

Creo que o meu clic foi cando remato o segundo ano en Córdoba. Pasa a pretempada e non me saía ningunha oferta de Segunda e teño que dar un paso atrás a Segunda B. Nese momento eu xa levaba dous anos na categoría, aínda que non tivera toda a continuidade que me gustaría. Pero xa xogara bastantes partidos en Segunda. Co paso do tempo fun consciente de que xa tiña o nivel. Pero é certo que ese feito de volver atrás fíxome ver que tiña ese nivel de confianza. Porque eu nunca fun un xogador que fose sobrado de confianza. Facía falta collela a través dos adestramentos. De verme no día a día. De ver que era capaz de estar aí. Como que necesitaba moita evidencia sobre as miñas capacidades para crer en min. Penso que o feito de estar en Segunda B en Andorra fíxomo ver, tamén coa axuda dos compañeiros, e darme conta de que tiña a capacidade. Despois tamén está o tema da sorte. Porque se tes mala fortuna dunha lesión… unha vez que baixas de categoría xa con 24 ou 25 anos, volver a dar o salto é difícil. A min custoume. Se tivera algunha lesión, ou que un adestrador non confiase en min… pode haber mil situacións que afectan, pero nese sentido creo que foi cando eu realmente collín a confianza para dicir, ‘vale, creo que teño nivel para máis e vouno demostrar’.

E chegas a Riazor como local… que sente un con 25.000 persoas aí dentro?

É unha gozada. Cada día que salto ao campo gústame mirar ao redor e velo antes do partido. Faime sentir ben. Creo que nos dá moita forza. No primeiro partido, na chegada ao campo creo que había unha festa das peñas, un montón de xente pola rúa. Pasei por onde vivía antes e ver ese ambiente deume un pouco de nervios. Eses primeiros momentos, de chegar ao estadio, da emoción… pero unha vez que xa estás dentro, todo é gozar. Mirar o ambiente e ver tanta xente animando con tanta forza, saber que tes aos teus na grada… é unha sorte e espero poder gozar dela moito tempo.

Falaba antes de que este tren lle chega no momento xusto de madurez, é esa a clave para estar triunfando aquí cando Riazor se lle fixo moito a moitos xogadores estes anos?

Cada persoa é un mundo, pero no meu caso penso que si. Son consciente de que noutro momento da miña vida non o tomaría así. Con 20 anos xoguei en Córdoba no Arcángel e se as cousas ían ben, era un bo partido. Pero se as cousas empezaban mal, era moi complicado darlle a volta, porque non tes esa capacidade. Aféctache máis a opinión externa nun estadio con tanta xente. O futbolista, a pesar de que non atendemos moito a fóra, é consciente en cada momento do que está transmitindo a grada. E si que sabes que ao mellor, cando hai dúbidas no ambiente, ti recibes o balón e tamén as tes. E xa o acrecentas. É complicado de xestionar. Penso que estes tres anos en Segunda déronme ese punto de tranquilidade e madurez, sabía que era un bo momento para poder dar un paso máis. As circunstancias poden cambiar e ata que estás dentro non sabes como vas reaccionar, pero si que me sentía coa capacidade para levar esa presión ou ese punto de responsabilidade que pode significar xogar en Riazor.

Miguel Loureiro, durante la entrevista con DXT Campeón
Miguel Loureiro, durante la entrevista con DXT Campeón
PATRICIA G. FRAGA

E a nivel futbolístico tamén lle está saíndo todo, esperaba xogar tanto dende o inicio?

Non son moito de pensar no futuro. Non me gusta facer na miña cabeza ideas de que vou vir aquí e xogalo todo ou non xogar. Cando chego a un sitio, o único que me vai dar xogar ou non xogar é o que faga no día a día. Sempre trato de centrarme máis no día a día. Evidentemente, tiña ese punto de confianza de saber que viña a un sitio que era a miña casa e no que xa coñecía o corpo técnico… e eles coñecíanme a min. Iso axuda porque saben o que podo dar, saben o que podo render e saben como poden utilizarme. Viña cunhas gañas tremendas e sabía que tiña que dalo todo no día a día para poder competir. Logo o tempo vaiche dando máis confianza e sabes a túa capacidade, o que podes darlle ao equipo. Estou contento nese sentido. Sempre necesitas un tempo de adaptación para coñecer aos compañeiros, son cousas novas ás que tes que adaptarte, porque tamén Antonio é un adestrador ao que lle gusta cambiar moitas cousas e adaptarse aos seus futbolistas. Non estamos facendo o mesmo aquí que en Huesca.

Fáleme de Hidalgo, nota algún cambio nel?

Segue sendo o mesmo. É un adestrador moi competitivo, moi esixente no día a día, creo que é parte da súa identidade. Esa forza que transmite, esa enerxía que fai que nós queriamos competir ao máximo. A esixencia no día a día é incrible. Creo que iso fai que subamos o nivel. Como técnico tamén vas aprendendo a xestionar máis cousas co tempo. Ao mellor si que vexo algunha cousa que non vía en Huesca, pero porque tamén o contexto e a realidade é totalmente diferente, entón tes que adaptarte a iso. Creo que o fixo de marabilla dende que chegou. Aquí sabemos que temos un nivel de talento importante, que temos futbolistas moi determinantes. E tamén, tanto a nivel futbolístico como persoal, sempre digo que non se pode tratar a todo o mundo do mesmo xeito. Hai que saber como entrar con cada persoa, porque non todos somos iguais nin reaccionamos da mesma forma, nin ante os mesmos estímulos. Creo que iso o está sabendo levar moi ben. Creo que ademais está a gusto na cidade, que tamén é algo moi importante.

Pola enerxía e o que transmito no campo, penso que os compañeiros me ven un pouco coma o que marca o ton"

Non sei se ten que ver con coñecer ao adestrador, pero fala como se fora un capitán aínda que non leve brazalete..

Non creo que veña polo lado do adestrador, é algo que me sae natural dende sempre. Tampouco trato de falar moito dentro do vestiario, non é algo que tente facer ou forzar, pero si que é certo que por esa enerxía, polo que transmito no campo, si que penso que os compañeiros me ven un pouco coma o que marca o ton. Non sei moi ben como explicalo. Que se te ven apertar, a xente aperta. Se ti transmites esa enerxía, creo que podes contaxiar aos compañeiros e nese sentido é algo que me sae de forma natural, é a miña forma de xogar. Obviamente, cada vez que dentro do campo ou fora me piden opinión, douna. Gústame dicir as cousas e gústame ser claro sempre co que eu penso. Sempre dende o respecto.

Máis cando hai un grupo con xente tan nova…

Eu sei que me toca un pouco ese papel. Pero temos un bo equilibrio tamén. Ao final hai xente nova, pero tamén xente con moitísima experiencia como Escu, José Ángel, Germán… hai xente que leva moitos partidos xogadores xa. Creo que temos un bo equilibrio entre esa xuventude, ese talento que é o que máis brilla, por dicilo dalgunha amaneira, e unha parte tamén de xente que levamos máis tempo e que xa dá unha estabilidade, unha seguridade. Creo que é a fórmula ideal. Nun grupo nos podemos ser todos iguais nin ter todos o mesmo carácter. Sería moi aburrido… e funcionaría peor.

Empezar con bos resultados tamén axuda...

Por suposto, sobre todo tamén de cara ao entorno. O resultado son os que determinan éxito ou fracaso no fútbol. Moitas veces non sempre se ten paciencia de esperar a que saian froitos do traballo. Axuda que os resultados sexan bos, pero tamén creo que as sensacións que está transmitindo o equipo son moi boas. Eu intento fixarme máis niso. Creo que é máis importante, porque esta liga é longuísima. Sabemos que quedan moitos partidos e vai ser complicado, que debemos ser moi regulares e conseguir manter o nivel destas xornadas. Hai que ir mellorando pouco a pouco, porque os equipos tamén van evolucionando. Creo que empezamos moi ben, que a química entre os xogadores é moi boa e que temos un nivel de competencia dentro do grupo tamén moi importante. Aínda que temos marxe de mellora.

E sobre o céspede como se está vendo? A sensación é que o equipo se sinte máis cómodo defendendo cara adiante

É lóxico. É o que falaba antes dos matices. Quizais do que viñamos facendo en Huesca cando o equipo se sentía máis cómodo en bloque baixo, aquí pola natureza dos futbolistas que temos pode que nos guste máis ir cara adiante, ser máis agresivos. Hai que atopar ese equilibrio, porque evidentemente sabemos que temos un nivel de talento na parte de arriba incrible, que iso nos vai dar a posibilidade de elevar o noso teito de maneira tremenda. Pero é certo que a parte defensiva é importante para, como sempre me gusta dicir, elevar o chan. Para conseguir esa regularidade hai que encaixar pouco, que ao final é o que permite sumar sempre. Iso ao final da Liga é determinante. Penso que co paso das xornadas iremos tamén topando onde nos sentimos máis cómodos defendendo.

A meta dese camiño tortuoso aínda pode ser Primeira División antes dos 30…

Xa digo que non me gusta mirar moito esas metas futuras. A xente sempre se mete comigo porque me dicían que ía chegar e eu sempre dicía que non… non me gusta pensar niso. É certo que agora miro para atrás, penso en hai tres anos e véxome onde estou agora… naquel momento era impensable isto. Era unha realidade que non contemplaba. Pero é certo que penso que a mellor maneira de facelo, de ter éxito e que as cousas vaian saíndo ben, é centrarse no día a día. Evidentemente tendo claro cal queres que sexa o teu camiño, pero sen desviarte nin perder o tempo en pensar en futuribles.