Miguel Figueira: "Para min, os favoritos sempre son os meus xogadores"
O adestrador do Xuvenil A do Deportivo analiza a semifinal ante o Barça, este xoves ás 18.30 no Anxo Carro

Comeza a Final Four da Copa do Rey Xuvenil no Anxo Carro. Despois da primeira semifinal, na que esta tarde ás 18.30 horas mediranse Celta e Betis, Deportivo e Barça buscarán o xoves á mesma hora o outro billete para a final. Miguel Figueira analizou na sala de prensa de Abegondo o momento no que chega o seu equipo, o duelo fronte ao conxunto catalán e como xestionan a responsabilidade ante a posibilidade de levantar un novo título.
Semifinal contra o Barça. Unha vez máis fomos capaces de dar ese paso adiante competitivo, de chegar a outra Final Four e con toda ilusión do mundo. Os rapaces desde o día do Tenerife inconscientemente pensan neste partido contra Barça. Tivemos partidos de Liga, nos que fomos se cadra máis irregulares do que me gustaría, pero entendo que a situación mental do equipo estivo un pouco destinada a este encontro e nós o único que pretendemos é continuar na liña de formación, sabendo que neste partido, como dicimos sempre, gañar ou volver para casa.
Gañar o título. O soño está cumprido desde o momento en que entro como adestrador do Dépor. Para min, seguir ano a ano defendendo este escudo como adestrador é o máis importante. Os éxitos que podamos conseguir… Para min o máis importante sempre é que os rapaces poidan ter continuidade no Fabril e no primeiro equipo. Moi agradecido ao club por darme a oportunidade de seguir sendo adestrador e, sobre todo, moi agradecido a eles por confiar e por crer na nosa forma de traballar.
Un favorito. Vou repetir sempre o mesmo, para min os favoritos son os meus xogadores. Sempre. Que lles pidamos que gañen a eliminatoria e que se metan na final? Probablemente si. Pero para min é máis importante que dean continuidade a todo o traballo que están a facer. Podemos ter como referencia o ano pasado, o mal trago contra o Betis, porque era un gran equipo. Pero eu saín contento de que o equipo tentou traballar e conseguir un mellor resultado en base ao que queremos facer. Os mozos veñen de moi atrás, desde o fútbol 8, moitos de estar comigo en infantís. Teñen unha forma de traballar e, para min, o máis importante é que mañá sexan capaces de desenvolvela. Despois hai circunstancias nas que o Barça vai poñer en aprietos e nas que non estamos afeitos traballar. Por desgraza, a División de Honra nestes momentos, creo que para Celta, para nós e este ano para o Sporting, non é o suficientemente competitiva para levarvos ao extremo e creo que o Barça mañá vai levar a algúns extremos que non estamos afeitos e veremos se somos capaces de dar ese plus.
Equipo formado por xogadores de Galicia. Orgullo sinto sempre de todo aquel rapaz que defenda o escudo do Dépor. Pero si que ese sentimento de pertenza a un club, de defensa dun escudo, é máis fácil transmitilo cando levan moitos anos aquí. A maioría de xogadores pasaron etapas mellores, etapas peores, pero ven que seguen no club e que seguen progresando. Iso é o máis importante. Hai rapaces que antes abandonaban moi pronto, que nos cansabamos deles moi pronto ou que saían escaldados de aquí e de alá. Nestes momentos, a nivel persoal, futbolístico e deportivo, os rapaces saen encantados e preparados. Moitos tirarán para arriba e outros terán oportunidades de continuar noutros clubs.
Baixa de Mauro Valeiro. Está a ser dos mellores xogadores da categoría e grazas a el, á súa axuda e aos compañeiros, metémonos nesta fase final. E agora ten un premio de ir coa selección. A partir de aí, non está dispoñible e para min non é importante mañá. Totalmente ilusionados con gañar ao Barça e en meternos na final.
O rival. Temos distintos plans de partido para diferentes situacións que nos poidan plantexar. Cando falo de que hai situacións non previsibles e que non nos atopamos as fins de semana, falo de que nos poidan dominar co balón, someter e meter no noso campo. O ano pasado non fomos capaces de defender en ningún momento en bloque baixo ao Betis. Imos ver onde nos meten, pero a idea é facer o partido o máis incómodo posible ao Barça. Temos capacidade para ter o balón e facerlles dano. Facerlles dano atacando, porque eles tampouco están afeitos a que lles ataquen moito, e cando llo fixeron, anotáronlles goles.
A Final Four en Galicia. Non sendo Riazor, dábame un pouco igual. É certo que o traslado a Lugo para nós é moi cómodo. Tocáronnos viaxes xusto as fins de semana antes, en bus, dos partidos de Copa. É unha comodidade estar na casa. Tiven a fortuna de defender o escudo do Lugo cando era Carlos Ballesta adestrador. É un campo coñecido e que creo que nos pode ir ben. Moita xente de aquí irá. Para min, o único é que a xente senta orgullosa dos rapaces. Cando vas a Riazor, moitas veces en Tribuna, todo o mundo anímache, están pendentes do xuvenil. Para min iso é importantísimo. O campo, esperemos que estea ben, porque vai sufrir esta semana varios partidos e o máis importante é que estea ben para que os dous podamos xogar.
Responsabilidade. Considérome unha persoa relativamente tranquila. Si que é certo que hai unha certa tensión, un certo grao de responsabilidade. Queres facer as cousas ben e entendo que os rapaces o deben utilizar para ben porque van ter ás súas familias, aos seus amigos e vanse a sentir como senten aquí en Abegondo. Hai que xerar esa contorna de confianza, que non sintan a responsabilidade desde un aspecto negativo de pensar que poden fallar e vanlles a reprochar. Como dixen o ano pasado, quédannos aínda moitos meses de competición e de traballo. Para min, pase o que pase, estes rapaces merécense o meu recoñecemento e despois, bo, haberá xente que os vexa puntualmente nestas e lles vaia a medir polo resultado. Pero eu só espero e desexo que poidan dar a talla e que mañá celebremos todos un pase á final e teñamos outra oportunidade de gañar un título.











